O superbólido que corre a favor do medio ambiente

Begoña Rodríguez Sotelino
b. r. sotelino VIGO / LA VOZ

MONDARIZ

cedida

Alumnos de 4º de primaria de Mondariz participan co proxecto Voz Natura nun concurso nacional

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por segundo ano consecutivo, o alumnado de 4º de primaria do CPI de Mondariz participou no concurso escolar Cuidamos el Medio Ambiente, que organiza a Asociación Mundial de Educadores Infantiles (AMEI) baixo o lema Acepta el reto del planeta. «Trátase dun concurso a nivel nacional onde os alumnos de educación infantil, primaria e especial expoñen as súas ideas para mellorar o planeta mediante traballos manuais e creativos realizados en equipo», conta a súa tutora, María Franco.

O colexio é centro Voz Natura e con eles realizou este proxecto relacionado co coidado do medio ambiente co que ademais participaron no certame nacional.

Dende a volta das vacacións de Nadal e ata finais de abril, o grupo de 15 nenos estivo traballando, baixo a supervisión da titora, na construción dun coche elaborado enteiramente con produtos de refugallo que trouxeron das súas casas. Con ilusión, creatividade, gañas e paciencia foron dándolle forma ao seu superbólido chamado «reci-car». «Partindo dun vello carriño para bebés tiveron que poñer a funcionar o coco para idear un posible deseño, acordar os materiais a empregar, establecer quendas de traballo, medir, cortar, pegar, buscar solucións aos atrancos que ían xurdindo e, en definitiva, aprender que moitos poucos fan un moito e que aunando forzas todo se pode lograr», conta Franco.

A profesora engade que a lección do reciclaxe quedou ben aprendida, «ata o punto de que se repartiron o material sobrante para seguir eles por súa conta ideando e creando». O coche forma parte dun proxecto máis amplo de educación viaria. «Agora toca rodar polo pobo e sacar fotos en lugares estratéxicos, que logo editarán co ordenador para crear mensaxes encamiñadas a concienciar a poboación de Mondariz da importancia de ser condutores e peóns responsables, respectar as normas de circulación e ser coidadosos co medio ambiente no tocante ao ruído, á emisión de gases e ao feito de non tirar lixo circulando cos seus vehículos. Os rapaces non acadaron o premio, pero a experiencia xa foi en si enriquecedora. Todos os participantes reciben un diploma pola sús participación e levan para casa a satisfación de traballar polo medio ambiente, pola vida do planeta.