Budiño: «Paréceme estimulante e moi ''sanador'' coñecer xente nova da que aprender»

MOAÑA

PEDRO CID

No seu día, adiantouse aos tempos. Hoxe apégase a eles, aínda que nestas datas anda a darlle voltas a como enfrontarse ao trixésimo aniversario do seu disco «Paralaia»

28 ago 2026 . Actualizado a las 11:44 h.

Budiño (Moaña,1969) é un deses músicos que toda escena precisa. Valente e, ao tempo, prudente. Sensato, sempre. Reflexivo, inquedo e capaz de albiscar o futuro sen apearse do presente. Invariable nos seus ritmos e inquebrantable nos seus postulados. Un discreto referente. Un tipo, ademais, paciente. Hai tres anos que publicou Branca vela e dende entón tan só entregou un único sinxelo a maiores. «E estou contentísimo de que sexa así. A miña metodoloxía de traballo sempre vai por aí. Sacar un traballo novo cada tres ou catro anos. Eu sigo coa mentalidade de que un disco necesita dun proceso para chegar á xente. E gústame seguir instalado nesa dinámica e non facer unha canción cada tres meses porque o sistema me obriga a iso», comenta Budiño, que estará o sábado 29 no Festival de la Luz.

—En que momento está agora?

—Está sendo un verán con moito escenario pero ao tempo estou imaxinando como conversar co Budiño que gravou Paralaia. O ano que vén cúmprense 30 anos dese disco eu estou vendo que volta lle podo dar.

—E como conversa con aquel Budiño, de ti a ti ou de persoa adulta a rapaz?

—Non quero celebrar Paralaia dende a nostalxia. Quero descubrir en que se converteu 30 anos despois. Non quero reproducir o que fixen daquela. Facer hoxe un Paralaia idéntico sería traizoar aquel espírito. Paralaia foi unha busca e buscar é tamén o que sigo facendo agora.

—É un disco que soportou ben o paso do tempo?

—Cando fun a Madrid a gravar este disco levaba na mente xogar moito coa electrónica. Pero unha vez alí decidín facelo orgánico e artesanal porque entendín que tiña que ser un disco para a eternidade. Para poder escoitalo, eu pensaba en dez anos, e que me seguise resultando moderno.

—«Paralaia» segue sendo o que era hai 30 anos, pero Budiño non. En que cambiou?

—Mais que cambiar, a miña curiosidade foi medrando. É moi fácil estar compoñendo cun ordenador na casa, pero se non tes experiencias é moi difícil conectar e chegar ao corazón da xente. O que me fai cambiar son esas pequenas viaxes que vou facendo ao longo do tempo.

—E «Branca Vela», cumpriu as expectativas?

—Totalmente. Con Branca vela volvín rachar co que estaba facendo ata ese momento. O disco anterior, Fulgor, no que a voz colleu protagonismo, estaba máis no universo do pop e do rock. Unha vez superado o medo a ser un frontman cantando, ademais de tocar a gaita, Branca Vela supoñía un reto, o de estudar os ritmos das músicas de raíz e crear melodías e letras propias pero dende o código do tradi.

—Cando Guadi Galego sacou os seus primeiros discos como autora díxome que no folk vivíase quente. No pop facía frío?

—Non, estábase moi ben pero houbo unha pandemia por medio (ri). Ten en conta que con Fulgor, no 2020 iamos estar no Son do Camiño, compartindo cartel con Bad Bunny. E cancelouse aquela edición.

—A música é un refuxio ou un conflito?

—Conflito nunca. Como a miña ideoloxía é mudar en cada disco, paréceme estimulante e moi sanador coñecer continuamente xente nova e xente da que aprender. Estou nun momento moi emocionante e moi feliz.

—Séntese a gusto nestes tempos?

—Sí, e coido que é grazas ao traballo que levo facendo dende hai moitos anos.

—A eclosión desta nova xeración que está contemporaneizando o «tradi», prexudica ou favorece a músicos como vostede?

—O luns, nas festas de Ferrol, estivemos Budiño e De Ninghures e rematei tocando con eles. Escribíronme e dixéronme que lles encantaría que tocase algo con eles. Dun xeito totalmente natural. Para min foi algo moi emocionante e eles dixéronme que para eles foi un soño cumprido. Creo que iso xa responde a túa pregunta. Ver como as distintas xeracións se conectan é marabilloso. Claro que hai espazo para todos. Os hostaleiros saben ben que nunha rúa con moitos bares hai sempre moito máis ambiente que se hai un só.

—Na música galega actual, fai falta máis autoestima ou máis autocrítica?

—A estima témola moi alta. Non fai falta tirar máis de aí. Pero un pouco de autocrítica si que necesita. No sentido de buscar ese punto máis artesanal, de construír as cancións coa perspectiva de perdurar no tempo e non intentar que unha melodía se faga viral en 15 segundos e durante 15 días.

—Ve algo na actual escena galega que dentro dun tempo poida converterse en tradición?

—Si, por suposto. A tradición non é un museo nin hai que metela nunha gaiola, é un ente que se vai transformando. Escoitei a un musicólogo dicir que a tradición constrúese como mínimo con catro xeracións nas que as melodías ou as letras van pasando de boca a boca.

—Cre que hai melodías e letras na Galicia actual que sobrevivirán a esas catro xeracións?

—Sen dúbida. Basta con ver nos concertos como a xente moi nova está recibindo e integrando as cancións de nova creación que estan a compoñer os músicos que para eles son referentes.

—Cal é o prexuízo ou o tópico sobre a nosa música que máis lle irrita?

—Irritábame moito hai anos cando me facían unha entrevista fóra de Galicia e dábaste conta de que o entrevistador pensaba que estaba a falar cun músico, entre comiñas, de provincias que nunca saíra de Galicia. A min gustábame agardar ese momento para espetarlle na cara que os últimos concertos que tiven foron en Xangai, en Damasco, nas cataratas do Niágara, en Bos Aires, en Bogotá, en Cabo Verde e que acababa de chegar de tocar en París. Cambiáballe a cara (ri).

—O sábado subirá por segunda vez ao escenario do Festival da Luz. Que lle supón?

—Á primeira edición do festival fun como público, quedei encantadísimo e tiven a oportunidade de coñecer a Luz, da que son moi fan porque o primeiro gran concerto ao que fun na miña vida, con 12 ou 13 anos, foi un no que actuaban Miguel Ríos, Leño e unha rapaza que se chamaba Luz Casal. Na seguinte edición xa fun a actuar e foi unha experiencia inesquecible. Este ano volvín coincidir con Luz, convidoume a volver ao festival e, por suposto, vou encantado.

—Entrar no circuíto de festivais segue sendo unha espiniña que ten cravada?

—Non. Dalgunha forma, tamén iso vai mudando. Eu xa fixen moitos festivais. Durante moitos anos, a maior parte das veces que saía ao estranxeiro era para ir a un festival. Así que ese circuíto xa o vivín. De todos os xeitos, Galicia está agora nese punto de ter moitos festis e eu volvendo a eles porque, aínda que nós puxemos a semente hai moitos anos, grazas ás novas xeracións, os promotores estanse dando conta de que a música de raíz ten moita potencia, que ten moito que dicir e que o público está pedindo música en galego. Co cal, non me preocupa en exceso.

—Vostede puxo a semente e agora pasa ao revés, os rapaces de vinte anos van a escoitar a Unto Vello primeiro e despois descobren a Budiño.

—Foi o que pasou co flamenco. Ao final, todos chegaron a Paco de Lucía e a Camarón. E iso é o importante. De que xeito ou a través de quen se chegue é secundario.

Festival de La Luz, 15 anos de música, natureza e solidariedade

Dende o mesmo momento no que botou a andar, no ano 2012, o Festival de la Luz desmarcouse do concepto, dos principios, dos tempos e dos criterios que se impoñían no resto do circuíto. Nunca foi a súa impulsora, a artista de Boimorto, Luz Casal ?galardoada este ano co Premio Fernández Latorre?, proclive aos convencionalismos.

O curioso é que aqueles atípicos postulados, como o feito de ser un festival de carácter familiar, cunha ampla oferta gastronómica, con actividades e concertos durante toda a xornada e cun cartel absolutamente ecléctico, andando o tempo, remataron por ser o común en moitos dos grandes festivais que hoxe se celebran en Galicia.

Aínda así, segue habendo elementos que singularizan o festival de Boimorto, como a súa vertente solidaria. Dende a súa primeira edición, o Festival de la Luz entrega anualmente a súa recadación a causas benéficas. Máis dun millón de euros ten repartido nestes 14 anos. Nesta edición, os fondos solidarios destinaranse a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade).

No meramente artístico, aínda trala baixa de Pablo Alborán por enfermidade, o festival reunirá dende hoxe ata o domingo a grandes nomes da música española e galega como Nena Daconte, Chambao, Carlos Sadness, Repion, Puño Dragón, Ráfaga, The Rapants, Budiño, Luar na Lubre ou Sabela, entre moitos outros.