Delio Fernández: «Levo dous anos pensando na retirada, pero a Volta animoume»

X.R.C. VIGO

MOAÑA

CEDIDA

O moañés, a piques de iniciar a súa 17 tempada como profesional, decidiu continuar tras gañar a etapa raíña da carreira portuguesa

01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Delio Fernández Cruz (Moaña, 1986) acaba de rematar a súa décimo sexta temporada como profesional e xa pensa na décimo sétima, na que repetirá no Tavira luso. O ciclista moañés quere ir ano a ano e este, logo de gañar a etapa raíña da Volta a Portugal e ser líder da carreira lusa, pensa que cumpriu os obxectivos e vese con corda para seguir un ano máis, aínda que recoñece leva un par de anos pensando na retirada.

—Que avaliación fai da tempada 2023?

—Estando nun equipo portugués, sabemos que a cita principal é a Volta a Portugal, que é a proba más mediática. Eu, como referencia do equipo este ano, tiña a responsabilidade de liderar o grupo para esta carreira e gañar a etapa raíña, ser líder e loitar por máis etapas fai que deamos por bo o rendemento que tiven na Volta a Portugal. Gustaríame ter estado loitando pola xeral ata o final pero logo da xornada de descanso, tiven un mal día e perdín todas as opcións da xeral. O que buscaba era estar no top-5 da xeral, pero compensa sobradamente gañar a etapa raíña e ser líder.

—Cando gaña a etapa raíña e se pon líder en Portugal, pensa en gañar a Volta?

—Si, era unha opción. Ía por diante e tiña unha certa vantaxe, pero sabía que quedaba moito e que era probable de que me quitasen de aí. Sabía que o resto de corredores o ían poñer difícil e eu tampouco tiña un equipo moi forte na montaña e sabía da dificultade.

—Como foi o resto da tempada?

—Estiven na Arxentina no Tour de San Juan, no Gran Camiño, no que fun quen de meterme no grupo cabeceiro, ao igual que o ano anterior. Logo, o ano centrouse en exclusiva no calendario portugués. É unha evidencia que estou na parte final da miña carreira deportiva, polo que teño que escoller mellor os obxectivos e aquí, en Portugal, permítenmo.

—O seu rol dentro do equipo volveu ser preponderante?

—Son o veterano do equipo, e aparte da responsabilidade deportiva na Volta a Portugal, tamén tiña a responsabilidade de acompañar os labores do director deportivo e axudarlle nese rol de orientar aos ciclista máis novos.

—Como se atopa vostede nese rol de marcar o camiño aos novos?

—Era algo que xa estaba facendo. Pouco a pouco, vas asumindo ese rol co paso dos anos, digamos que é unha cuestión natural. É normal que os corredores veteranos teñan esa responsabilidade no equipo no que te atopes.

—Quédalle un ano de contrato.

—Si, renovei un ano máis. Agora vou ano a ano.

—Vese con corda para rato?

—Quero ir ano a ano. Unha vez que remate a temporada, decidir igual que fixen este ano. Sei que son moitos anos e xa levo dous pensando na retirada, pero este ano, como se deu ben a Volta a Portugal, as condicións que me están propoñendo e a tranquilidade que da o equipo é o que me anima a continuar.

—Como se atopou a nivel físico durante a temporada?

—Os anos pasan e, evidentemente, non teño a mesma frescura de cando era máis mozo. Despois de estar facendo tempadas máis longas a nivel internacional, estar en Portugal permíteme facer descansos máis longos e poder dosificar máis os meus esforzos para chegar en boas condicións aos obxectivos.

—Cantos anos leva de profesional?

—Levo 16 e vou empezar a 17.

—Que lembra do inicio e como foi a súa evolución ata agora?

—Cando un empeza, faino coa ilusión do corredor novo, con ganas de correr, aprender, vivir novas experiencias. Ao longo dos anos, a mentalidade vai cambiando e naquel momento pensaba primeiro en consolidarme no ciclismo profesional e intentar ter unha vida deportiva o máis longa posible. Nos primeiros anos, ves a dificultade e o lonxe que estás dos que disputan as carreiras e mirabas case imposible chegar a ter algún éxito, pero 16 anos despois, tiven as miñas vitorias e os meus bos resultados, quizais por riba do que podía agardado.

—Que idea ten para o 2024?

—Igual que este ano. O obxectivo está moi claro: sei que teño que chegar fresco ao mes de agosto e aí, estar a tope de forma para a Volta a Portugal. A principio de ano sempre teño un pequeno pico de forma para carreiras como o Gran Camiño ou Alentexo e logo, orientar todo a volta.

—Volverá a Arxentina?

—Este ano, non. Aínda esta por pechar o calendario, pero será o Algarve ou así.

—Fará o Gran Camiño?

—Falta a confirmación, pero non creo que haxa problema.