Un percorrido musical e espacial da loita en Pontevedra fronte aos golpistas

MOAÑA

Rafa Estevez

Sobredo, Moaña, Lérez, A Illa, Tomiño e O Xiabre son os escenarios de «Acordamos»

18 feb 2023 . Actualizado a las 22:07 h.

Co título de Acordamos, a Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Memoria Histórica, impulsou un documental, «un canto dende a música á loita polos ideais de igualdade e xustiza de principios do século XX e da II República».

O audiovisual foi gravada en Sobredo, Moaña, Lérez, A Illa de Arousa, Tomiño e O Xiabre reunindo testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, quen asumiu a dirección artística, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa.

A deputada María Ortega situou Acordamos como a segunda andaina do proxecto Acorda, que se configurou como un documental que puxo o foco en lugares moi singulares de represión franquista. Pola súa banda, esta nova peza centrase na loita e nos «lugares que simbolizan o intento que fixo aquela xeración que estreaba o século XX por construír unha sociedade máis xusta e solidaria».

A diferenza da primeira entrega, nesta apostase por ceder o protagonismo á transmisión interxeracional da memoria «e fusionar as lembranzas das persoas maiores coa necesidade de coñecemento das persoas máis novas (...). No que coinciden é na mestura de música e testemuñas».

En canto as localizacións, estas arrancan en Sobredo, «un símbolo das revoltas coas que o pobo galego se enfrontou ao sistema caciquil no cambio de século» A rodaxe coincidiu coa conmemoración do centenario dos asasinatos de Cándida Rodríguez, Joaquín Estévez e Venancio González, dirixentes agrarios, durante unha protesta contra o abuso dos foros.

Reivindicación mariñeira

E da reivindicación agraria á mariñeira. A segunda parada foi en Moaña lembrando á Fraternidade Mariñeira para, acto seguido, desprazarse a Pontevedra, concretamente á parroquia de Lérez. Alí, no tempo da II República, «desenvolveu unha novidosa iniciativa para non depender da usura dos bancos: xente da sociedade agraria abriu a Caixa Rural de Lérez que funcionaba de xeito cooperativo. O vídeo gravouse na actual Casa de Cultura, que está nun local incautado á veciñanza (...) e que a parroquia volveu recuperar na Democracia».

En A Illa de Arousa, Acordamos evoca «o intento de proclamación dunha república independente realizado por un grupo de republicanos reunidos na taberna O Nicho en outubro de 1934», mentres que en Tomiño, e máis concretamente, a Escola Aurora del Porvenir serve para representar o modelo educativo da II República e para homenaxear a emigración galega que mandou cartos para construír escolas nas súas vilas ou parroquias.

O audiovisual pechase no Xiabre como símbolo da resistencia do pobo galego fronte aos golpistas: «O relato interesado do franquismo quixo etiquetarnos como un pobo submiso que recibiu o ditador cos brazos abertos, cando foron moitas as mostras de resistencia. Moitos loitadores converteron o monte no seu fogar, e co tempo as cuadrillas de xente fuxida deu paso á guerrilla», explicou Montse Fajardo.

E se importantes son os lugares, outro tanto as cancións, que non foron, nin moito menos, escollidas ao azar. Todas as pezas teñen relación coa historia que se conta en cada lugar e, nalgún caso, como Moaña, foron compostas expresamente para Acordamos.