«Foi un ano difícil no que un virus me obrigou a parar»

MOAÑA

CEDIDA

O corredor tivo que reprogramar a recta final da tempada, que rematou con bos resultados

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Delio Fernández (Moaña, 1986) vén de poñer fin a unha tempada atípica. Logo dun primeiro tramo onde foi de máis a menos, un virus obrigouno a parar e á volta obtivo os mellores resultados da campaña. Agora remata o seu ano máis longo, competindo desde xaneiro ata mediados de outubro e parará quince días antes de retomar a bici en novembro e comezar a pensar no que será o seu cuarto ano no Delko-Marseille francés.

-Que balance fai da tempada que remata?

-Foi difícil. Comezamos con bos resultados e sensacións ata a París-Niza. Chegaba ben, pero nas últimas dúas etapas, con neve, pasei frío e non me atopei ben. Non me puiden deixar ver o que quería, non fixo xustiza ao meu momento de forma e comezou un calvario de malas sensacións, alerxias e un problema vírico que arrastrei durante meses e que finalmente me obrigou a parar e replantearme toda a tempada.

-Cando e por canto tempo decide baixar da bici?

-Foi a principios de xullo. As sensacións eran malas, comezamos a facer probas que non saían ben e decidimos facer un parón de oitro días. Tiven que renunciar a Austria, que era unha das probas que pensabamos preparar ben.

-Vivira algunha experiencia similar antes?

-Non. Son alérxico e sei que por desgraza teño que pasar por iso cada ano. Na vida cotiá non me afecta, pero si na bici cando me sinto un pouco limitado. Este ano alongouse, e ao andar por distintos sitios de Europa, nun parece que xa pasou e volve. Aparte diso colleume o virus e xa encadeei todo.

-Como encaixou a nivel psicolóxico que lle ocorrese isto?

-É duro e afecta bastante. Á hora de adestrar non es capaz de facelo ben e nas carreiras tampouco: un día semella que te atopas con forzas e os cinco seguintes, nada. Repercute na falta de confianza e no rendemento. Pero tampouco é fácil para un ciclista decidir parar.

-En vista dos resultados, ¿pensa agora que foi o correcto?

-Si, tralo parón empecei a atopmarme ben, a adestrar pouco a pouco e a recuperar. Necesitábao tanto a nivel físico como psicolóxico. Ao final é o ano que remato máis tarde e tamén que o fago máis fresco.

-Diría que foi o seu ano máis duro?

-Todos o son, teñen os seus momentos. O que pasa é que se no inicio de tempada acadas resultados positivos ou dás un bo rendemento, cando chegas o momento malo tómalo con máis tranquilidade que cando pensas que aínda non fixeches nada. Aí aparece a ansiedade, a pesar de que teño un ano de contrato e iso sempre dá máis calma.

-Que entende por «facer algo» como dicía?

-Estar aí nas carreiras, conseguir cousas a nivel persoal. Fun importante para o equipo en certas carreiras, para vitorias de compañeiros e agora, como veterán, estou asumindo un rol intermedio entre o director e o equipo. Sei que no Delko Marseille valoran todos eses traballos que fago nunha parte do ano, pero para un é gratificante cando pode lucirse e deixarse ver en carreira.

-Algo que si logrou neste tramo final.

-Si, fun cuarto nunha clásica en Francia, segundo na etapa raíña de Almaty e en Turquía, que era unha proba World Tour de máximo nivel, fun sétimo na xeral co mesmo tempo dos mellores e decidíndose os primeiros lugares polas bonificacións. Remato con bo sabor de boca.

-A vitoria estivo preto. Quédalle esa espiña?

-Polas miñas características, non son un corredor que consiga vitorias con facilidade. Fáltame esa punta de velocidade. Chegaba a Turquía coa ambición de gañar, pero coma min habería outros e non é ningunha decepción. Foi a confirmación de que eu ía ben preparado. Logo en carreira poden pasar moitas cousas e por iso é tan difícil gañar no circuito internacional.

-Son tres anos no Delko Marseille, contento con esta etapa?

-Si, de feito teño un ano máis de contrato e síntome moi valorado. En España as cousas son distintas, aínda que agora saíu algún equipo continental pro, seguen sen vivirse momentos de boa saúde para o ciclismo galego e español e corredores coma min vemos oportunidades en equipos estranxeiros onde temos máis oportunidades.