Budiño: «A Costa da Morte ten un punto especial»

Sheyla Bermúdez / S. G. CARBALLO / LA VOZ

MOAÑA

CÉSAR TOIMIL

El gaiteiro de Moaña leva a xira de aniversario de «Paralaia» a Carballo e Fisterra

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño actuará mañá (22.00 horas) na Praza do Concello de Carballo, xunto a Mercedes Peón, polo vixésimo aniversario do seu primeiro disco, Paralaia.

-¿Diría que o concerto en Carballo é especial?

-Si, é o 20 aniversario do meu primeiro disco, Paralaia, e estamos facendo unha xira de concertos por toda Galicia. Vai ser un bo momento. Ademais acompáñanos Mercedes Peón, que colaborou nos inicios do disco.

-¿Van facer algo distinto?

-Tocamos basicamente o que estabamos facendo en Paralaia e, ademais, cancións de outros discos que estamos recordando neste momento.

-¿Por que Mercedes Peón?

-Coñecémonos desde fai moitos anos. Sigo a Mercedes con todo o que leva feito na música tradicional, popular e logo compoñendo, facendo discos e xirando por todo o mundo. Para min é especial que poida facer estes concertos de aniversario connosco.

-¿Como vai a xira?

-Moi ben. Estámola facendo en Galicia. Este verán quixemos estar aquí na casa e está indo moi ben. Fixemos xa bastantes concertos e aínda quedan uns cantos. Ata que remate o ano estaremos de xira e de celebración.

-¿Que significa a Costa da Morte para vostede?

-A Costa da Morte ten un punto especial. Coñezo ben a zona. Hai moitísima afección pola música tradicional e polo baile en xeral. Mercedes tamén a coñece moi ben porque tivo moitos alumnos de alí e creo que vai ser un momento único. Ademais, en Carballo facía moitos anos que non tocabamos e temos ganas de volver e reencontrarnos co público.

-¿Que espera do concerto?

-Sobre todo, que a xente veña con moitas ganas de pasalo ben e de gozar cunha banda moi grande. Somos sete músicos enriba do escenario: batería, baixo, acordeón, violín, trombón, guitarra e coa participación de Mercedes vai ser un concerto moi especial no que a xente pode escoitar temas que saíron no primeiro disco, e bailar.

-Na comarca hai moita riqueza de música tradicional. ¿Recolleu algunha peza?

-Nunca fun de recoller. Aprendín de músicas tradicionais, de xente coma Mercedes, que se dedicou a percorrer Galicia e recoller música. Seguín o rumbo da composición. O que máis me gusta é compoñer a miña música. Non fago música tradicional, pero si que facía de pequeno cando tocaba para grupo de baile. O meu camiño foi o da composición e creación de músicas novas bebendo sempre da música tradicional galega.

-Ademais de «Paralaia», ¿houbo outro disco que o marcase?

-Supoño que cada disco ten o seu momento. A ilusión que pos en cada un sempre é coma no primeiro. Con Paralaia, o primeiro, teño unhas sensacións moi agradables porque por unha parte, foi o inicial e, por outra, tivo moi boa repercusión en todo o mundo. Grazas a ese primeiro traballo dei o paso para poder viaxar e estar en lugares como Oriente Próximo, África, cidades de toda Europa, Canadá, México, Arxentina... Todos os discos me deron un pouco da miña vida. Teño un cariño especial por todos, pero destaco Paralaia por ser o primeiro.

-¿Que cambiou dende fai vinte anos?

-A evolución, como todo na vida. Hai algún dato interesante como a aparición de Internet. A posibilidade de que a xente de calquera parte do mundo coñeza o teu traballo. Todo é moito máis rápido e asequíbel para que cando vaias a tocar, por exemplo a México, a xente que vai a verte e paga unha entrada xa sabe perfectamente o que vai ver. Internet deu outra forma de ver as cousas.

-¿Ten ideas para o próximo disco?

-Teño moitas ideas na cabeza, pero por agora estou centrado na xira.

Mañá, en Carballo. Actuará ás 22.00 horas na praza do Concello de Carballo acompañado de Mercedes Peón para celebrar o 20 aniversario do seu primeiro disco, Paralaia.

Sábado, en Fisterra. Tocará no Festival Folk acompañado de Mercedes Peón a partir das 22.00. Compartirá escenario con Fol de Veneno.