«Soñamos cunha bandeira, a ilusión está e hai que traballalo»

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

O patrón sostén que o grupo está máis adaptado cá tempada pasada e confía en que se afine coas regatas

02 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

David Álvarez encara unha nova tempada como patrón de Tirán. Hai quince días, nas augas do Guadalquivir, tivo a oportunidade de ver por primeira vez á súa traíña en acción, se ben as peculiaridades da regata só serven para dar pequenas pistas. Hoxe, en Astillero, comezará a verdadeira pelexa.

-¿Que sensacións lles deixou a regata de Sevilla?

-En Sevilla era a primeira regata do ano para nós porque non fixeramos ningunha de traíñas aínda. Iamos un pouco verdes e non sabiamos a que altura podían estar os rivais. San Pedro ía con nós e non sabiamos como podían actuar, así que fixemos a nosa regata e vimos que estamos no mesmo sitio da mesma tempada.

-¿Atopáronse moitas sorpresas?

-Sorpresas non porque era o esperabamos, que Ziérbena e Astillero deran un paso adiante; sorprende un pouco que Orio caeu un pouco, pero está metido na nosa pelexa e supoñemos que darán un salto para arriba. Nós se conseguimos manter o nivel da media táboa estaremos contentos.

-Dicía Truco que ao equipo lle faltaba estar máis fino.

-Si, non estar finos é porque era a primeira regata e igual non tiñamos a soltura doutros botes. O ritmo dácho o día a día das regatas, e ao ser a primeira, falta esa chispa. A medida que vaia pasando a liga, gañaremos iso.

-A semana pasada, en Moaña, Cabo sacoulles unha vantaxe considerable. ¿É un toque de atención?

-Confiamos no míster e sabemos que as cousas as estamos facendo ben. Nesa regata non nos saiu o que queríamos. Non fomos rápidos e sacounos moito Cabo, pero forma parte do traballo. É un toque de atención para afinar, isto non vai ser fácil. Hai que estar tranquilos e seguir.

-¿Percibe que o equipo está máis adaptado có ano pasado?

-Si, notamos moito iso. Agora hai unha comuñón ao cen por cen co míster, cando fala xa sabemos o que temos que facer. Son detalliños que cambian e hai que adaptarse, modificar a forma de remar é moi difícil, pero este ano notamos que o equipo saca máis rápido a remada.

-¿É posible soñar con gañar algunha bandeira este ano?

-Con iso soñamos, a ilusión sempre está e hai que ir traballando. O mar pódeche dar e pódeche quitar, e se algún día nos da, pois hai que amarralo. Outros anos xa o conseguimos. Nós saímos para tentalo.

-¿Cales son os puntos fortes e febles de Tirán esta tempada?

-O forte é a dureza mental, aínda que non saquemos boa clasificación na regata de hoxe, ao día seguinte partimos de cero de novo, non nos imos abaixo por unha mala regata. Tamén a comuñón que hai entre nós é moi forte. E a debilidade, pois os primeiros longos cústannos un pouco máis có resto, somos máis diésel, pero tamén pode ser unha virtude. O importante é a chegada, non a saída.

-Chega a hora de remar no Cantábrico. ¿Que agardan da regata de hoxe en Astillero?

-É unha regata diferente e as condicións serán moi duras. Vai ir baixando a marea, polo que a terceira tanda, a dos favoritos, vai ser a máis prexudicada, pero Urdaibai e Hondarribia teñen tanto potencial que igual son capaces de palialo. Verase despois da regata, as condicións cambian co vento, a corrente...

-¿Podería ser un bo día para dar a sorpresa?

-Podería ser, pero tamén hai un rival moi duro na primeira tanda que é Orio; nós temos unha batalla moi bonita na nosa tanda e o obxectivo é gañala. Logo, se non podemos, pois polo menos que estemos metidos na pelexa .