A Moaña rural

Xosé Carlos Villaverde Román MOAÑA / LA VOZ

MOAÑA

José María dos Piñeiros nos anos 50 do pasado século.
José María dos Piñeiros nos anos 50 do pasado século.

O actual concello cumprirá 179 anos o próximo 30 de covembro

23 nov 2015 . Actualizado a las 13:09 h.

Das varias fotografías sobre o rural moañés que posúe a Agrupación Cultural Nós, decantámonos por esta imaxe dos anos 50 do pasado século, con José María dos Piñeiros, co carro de bois a rebosar de achas feitas dos troncos de madeira. E decidímonos por esta extraordinaria foto, porque transfire perfectamente o paso da dura vida do campo, traballando con machados e serras de aire, que en poucas décadas serían substituídas polas motoserras, tractores con grúas, etc.

Insistimos no de rural porque o actual concello de Moaña, o próximo día 30 de novembro, cumprirá 179 anos de existencia e foi formado, con capital en Meira ata 1874, polo axuntamento das catro actuais parroquias que mantiñan ese tipo de estruturas campestres. Quere dicir isto que o núcleo urbano que forman o Con-Praia-Seara-Quintela, é practicamente recente, pois a finais do século XIX apenas contaba con vivendas; de feito no censo de 1860 non aparece o barrio da Praia, si o da Martinga con 18 casas e a A Seara con 24. A raíz da chegada da arte da traíña a partir de 1898 e a aposta dos pequenos armadores moañeses por esta innovación, provocou un desenvolvento lento pero crecente da beiramar. Por iso non é de estrañar que Moaña careza de casco histórico. Pois, ata entón, os pequenos núcleos poboacionais estaban afastados da costa como Verducedo, Couso, Verdeal, Abelendo ou Vilela.

Ata a chegada da traíña, como dicíamos, a economía doméstica nas parroquias moañesas estaba baseada no traballo agropecuario, en tanto que a pesca era un complemento a esa economía de subsistencia. Do resultante dos pagos en especie dos foros, subforos, rendas ou décimos, apenas quedaban froitos do campo e gando para manter a casa labrega. Pero coa proliferación das fábricas de conserva na Ría de Vigo a finais do século XIX, a pesca transformou considerablemente o hábitat dos pobos ribeireños, e trouxo consigo un aumento de mariñeiros asalariados.

Boa proba do comentado anteriormente atopámolo no censo de 1904. Tomamos este ano como referencia porque é onde mellor quedou consolidado o asentamento das traiñeiras nas praias moañesas. Antes de barallar os números convén aclarar que neses censos antigos predominaba o cabeza de familia, xeralmentes eran homes que tiñan ao seu cargo o resto da familia como fillos, xenros e noras sen emancipar e tamén afillados orfos e criados. Estes dirixentes familiares en Moaña coñecíanse co sobrenome de petrucios, aos que tamén pertencían as viúvas con mando sobre o resto da familia.

O total de cabezas de familia censadas en Moaña en 1904 era de 1.476 (equivale a 6.368 habitantes). Deses 1.476, andaban ao mar 405, en tanto que no campo traballaban 883 donos das casas, sen contar os cónxuxes e fillos que axudaban nas faenas agropecuarias.

Se desglosamos por parroquias estas cifras, temos en Domaio 188 labregos por 43 mariñeiros, en Meira 175 e 60, en Moaña 471 e 207 e en Tirán 49 e 95 de cabezas de familia respectivamente de labregos e mariñeiros.

Vemos, pois, como as parroquias de Moaña e Tirán eran as que máis mariñeiros tiñan por aquel entón.