«Faríame moita ilusión competir na Volta a España»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo VIGO / LA VOZ

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

O moañés encamiñará sobre todo a súa presenza ás voltas e non ás clásicas

29 oct 2015 . Actualizado a las 19:00 h.

Delio Fernández (Moaña, 1986), vén de dar un salto importante na súa carreira deportiva. Tras dous anos no desaparecido Xacobeo e tres tempadas no ciclismo portugués, acaba de asinar co equipo con licenza continental profesional ?a segunda categoría do diclismo? Delko Marseille. 

-¿Que supón para vostede o cambio de clube?

-Supón relanzar a miña carreira deportiva. Volvo ao nivel do Xacobeo e é un reto. Son novas competicións, de maior nivel, e para min é unha satisfacción que conten comigo.

-Ábrese ante vostede unha etapa moi diferente.

-Como deportista, un sempre quere medirse aos mellores ciclistas. Sei das dificultades, sei que non vou ter o protagonismo que tiña no calendario portugués, onde xa tiña recoñecemento. Sei que agora terei máis momentos difíciles, pero é un reto e a un sempre lle gusta estar cos mellores. Ademais, é un equipo que me da a oportunidade de evolucionar e ter opcións de incrementar a miña vida deportiva en canto a calidade de carrerias. Teño máis posibilidades que en Portugal, onde xa non podía ir máis para arriba.

-¿Cal será o seu rol no clube?

-Son un corredor máis orientado ás voltas que ás clásicas, e en Europa hai moito calendario de clásicas que a min non se me adapta moi ben. Eu estarei máis encamiñado ás voltas. Logo, dependendo da condición, pois asumirei un ou outro rol. A min gustaríame ter o máximo protagonismo, pero son consciente da dificultade, así que según a proba ,tocarame traballar para un, para outro, ou ter máis liberdade. 

-¿Xa ten noticias do calendario?

-O equipo, por categoría, pode ser convidado a calquera proba do mundo. É o primeiro ano que é continental profesional e hai a ilusión de ser convidados a algunhas probas Pro Tour de Francia, e, ¿por que non á Volta a España?. Sabemos da dificultade que supón, pero a min faríame moita ilusión competir na Volta a España co meu equipo, e máis saíndo de Galicia, pero hai que ser conscientes de que este é o primeiro ano na categoría e non é sinxelo facerse cunha invitación.

-¿Faríalle máis ilusión unha volta a España que o Tour?

-Xa fixen un Giro e unha Volta a España e fáltame un Tour, pero tambén sei da dificultade que ten a carreira estrela por excelencia. Hai que ser realistas. O equipo ten a ilusión a longo prazo de poder chegar ao Tour, pero nuns anos, a curto prazo é case imposible. Aí hai moitos chamando ás portas. Xa vemos complicada a Volta a España. Hai que ir deixándose ver nas carreriras para que nos conviden.

-Vostede é segundo no ránking luso e sempre destacou na Volta a Portugal. ¿Iso foi o que o puxo no escaparate?

-Creo que por encima da Volta a Portugal, que é o máis mediático do ano, o meu forte foi a miña regularidade durante toda a tempada. Disputei moitísimas carreiras en Portugal e cada vez que iamos a España tentaba asomar a cabeza en canto podía.

-¿Ten un chisco de medo ante o que lle vén por diante?

-Non me dá medo, dame respecto. Pero é un reto, un cambio total de calendario, de compañeiros, de idioma. Sempre son dificultades engadidas, pero hai que adpatarse.