A noite de San Xoán

A festa ritual era una das tradicións mariñeiras máis importantes

Fogueira da noite máxica na zona moañesa do Con hai uns anos.
Fogueira da noite máxica na zona moañesa do Con hai uns anos.

Agrupación Cultural Nós

Nunha conversación que tiven en 1992 co finado de Pepe Fanico (Antonio José Bernárdez, nacido no ano 1900), contoume que polo San Xoán ían ás bruxas porque todo o mal era das bruxas, xamais de Deus. E seguíu contándome que xa en tempos do seu avó, varaban os barcos na praia de Moaña, cara á terra e á medianoite de San Xoán vareaban con ramallos os barcos de proa a popa, cubríannos con cardos e outras plantas de pinchos para que non subiran as bruxas maléficas.

A festa do s. Xoán, símbolo do solsticio do verán, seguíu sendo ata hai pouco, a maior tradición que conservabamos no s. XXI con rituais de crenzas ancestrais a pesar dos tempos informáticos. Pero esas liturxias vanse esvaecendo para tornarse en actividades meramente lúdicas. De feito, o que antes era unha festa de tradición rural e mariñeira, hoxe vaise convertendo nunha fogueira de concentración gastronómica para asar sardiñas, costelas ou facer queimadas, como a da foto na zona do Con, un dos poucos espazos que permite a urbanización actual.

Ao rematar a Guerra Civil, rapaces da Seara quixeron seguir coa tradición das fogueiras, pero a Garda Civil tentou prohibilas por ser un acto laico, ata que saíron varias nais en protesta e conseguiron a autorización do alcalde, Pepe de Ventura, para continuar eses ritos ancestrias da mitoloxía anímica ou culto ás expresións da natureza a través do lume, auga, penedos, herbas, árbores, etc. que en conxunto se recollen en lendas, crenzas e supersticións como a purificación do corpo (o cacho), ritos de fertilidade (sete onda mariñas), sabio refraneiro, bromas, etc.

Nesta festa popular, de contido mais pagán que relixioso, mesturábanse rituais dos tres elementos fundamentais: o lume purificativo simbolizando o solsticio de verán, representado na propia fogueira de broza estribada con loureiros que estralaban coa calor para espantar os espíritus agoreiros; a auga que pola noite maceraba no cacho con todo tipo de plantas mediciñais e de bo cheiro, para que na mañá seguinte poideramos lavarnos, purificarnos, quitarnos o demo do corpo e alonxar as bruxas e envexas; e o aire, convertido en fume coas herbas secas do cacho que nos curaba das aireadas dos sapos e sabandixas.

Ademais destes vestixios de outrora, a festa tiña compoñentes lúdicos como as bromas de facer ruído pola noite con tarteiras vellas, andar ás cancelas e outras falcatruadas. Na velocidade en que se move hoxe en día o desenvolvemento urbanístico, esta tradición está condenada a desaparecer por falta de espazo, pero sempre quedará algunha que outra referencia como o topónimo da Laxe da Fogueira, no lugar do Caeiro en Meira.

Memoria de moaña

Agrupación Cultural Nós

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A noite de San Xoán