Palmeando os aparellos na praia de Moaña en 1914

O areal tiña uns usos moi diferentes dos actuais


Moaña

Esta fotografía de Jaime Pacheco é probablemente a máis representativa de todas as que temos no arquivo histórico-fotográfico de Moaña. Móstranos un grupo de mariñeiros coas súas familias, incluso nenas e nenos palmeando aparellos mentras os máis cativos xogan na area. Dunha das embarcacións descargan materiais de construción nunha época de gran crecemento urbanístico na Praia de Moaña.

Gran parte da poboación levaba anos desprazándose do Cruceiro e Abelendo, previo paso por Quintela á beiramar. Tamén se poden observar varios tipos de embarcacións, aparellos e pezas de roupa colgados e secándose. A praia tiña uns usos moi diferentes dos actuais. O alcalde observa desde o malecón recién feito os traballos xusto no lugar que hoxe ocupan o Pósito e a Praza de Abastos. Trátase de José Parada Costa que chega á alcaldía en 1913 como concelleiro ?adicto? da man de Antonio Pazos Fontenla, presidente da Deputación.

Nesa época da restauración borbónica dominaba o espazo político provincial Eduardo Vicenti do Partido Liberal Democrático e, sobre todo, o seu sogro Eugenio Montero Ríos ao que moitos consideraban prototipo de cacique.

En 1913 sendo aínda tenente-alcalde, Parada, que tiña un café en Quintela promove unha sociedade «Los hijos del mar» para organizar en xullo as festas do Carme que se celebrarían en parte no novo malecón, con regatas de traiñeiras de vinte e dous tripulantes, botes de catro remeiros, cucañas, foguetes de artificio, música e bailes. Un acto da regata de traiñeiras, así como un retrato do alcalde e unha escea de pesca foron publicados na revista Vida Gallega número 50 de 1914 e días antes do San Martiño dese ano fundaríase o Moaña Foot Ball Club e no ano seguinte inauguraríase o campo da Xunqueira.

No mandato de Parada houbo unha forte contestación e el mesmo denunciou por inxurias graves aos responsables do periódico quincenal de Moaña ?La Razón? que tiveron que disculparse nun acto de conciliación. A oposición máis dura exercíanna Eusebio Alonso ?O Chaval?, compostelán afincado en Moaña e promotor das Sociedades Agrarias e José Trigo, que acusaban ao alcalde, Vicenti, Pazos, etc. de caciques en distintos medios de comunicación, ademais de organizar mitins e protestas en Moaña e Pontevedra contra o reparto de consumos (impostos) e poñían en dúbida os resultados electorais por diferentes chanchullos. En xaneiro de 1916 Parada sería substituído por Manuel Pereira do mesmo partido.

memoria de moaña Agrupación Cultural Nós

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Palmeando os aparellos na praia de Moaña en 1914