O último alcalde republicano

Xesús Cancelas Franco AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

MOAÑA

José Fandiño Pidre foi fusilado o 31 de decembro de 1936Los dueños de los terrenos se sienten «pisoteados» y dicen que no les pagan el suelo ni ofreciendo cobrar menos dinero

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día coma hoxe, o domingo 12 de abril de 1931, celebráronse en todo o territorio español eleccións municipais que traerían un cambio histórico e a nosa vila non foi allea a aquela situación. Os gañadores foron as forzas republicanas que en Moaña tiñan como líderes máis activos a José Romero e ao mestre José Corbacho. O resultado foi contundente: catorce electos polos republicanos, se ben é certo que tiñan distintas tendencias ideolóxicas, a maioría radicais, pero tamén agrarios, socialistas e independentes, mentres que os monárquicos obtiveron dúas actas.

Dous días despois, o 14 de abril proclámase a República entre mostras de euforia por parte da maioría da poboación en toda España, pero non así en Moaña porque un grave suceso acaecido o luns, día 13, trouxo o loito ao movemento republicano e á familia de Cándida Lago que caíra ferida mortalmente despois de que un grupo armado disparara máis de cuarenta tiros de arma curta contra o mestre José Corbacho, que resultaría ileso. Por estes feitos foron procesados o alcalde saínte Ernesto Carballo, o seu irmán Ramón e oito persoas máis, con veredicto de inculpabilidade.

José Romero, que viña de presidir o sindicato Solidaridad Marinera, e que era o líder do Partido Radical de Moaña, sería elexido alcalde.

O día 16 de febreiro de 1936 celébranse eleccións xerais e gaña o Frente Popular ao que non apoiaba o Partido Radical, suspéndense as eleccións municipais previstas e o novo gobernador civil cesa ao alcalde José Romero o 20 de marzo e nomea unha xestora que dous días despois en sesión plenaria elixe alcalde a José Fandiño Pidre, un emigrante que retornara un ano antes para montar un café económico. Tiña un amplo apoio popular por ser considerado boa persoa, honesto e conciliador e nada máis tomar posesión ponse mans á obra e comeza importantes proxectos como o cemiterio municipal, o arranxo da Canexa, etc.

Como consecuencia do golpe de Estado de Fancisco Franco contra a República, o alcalde Fandiño é detido e acusado de rebelión como a grande maioría dos alcaldes da provincia e nun xuízo militar celebrado en Vigo o 12 de decembro de 1936 sería condeado a morte por masón, actividade que non se lle coñecía. Fusiláronno xunto con outros dous veciños o 31 de decembro de 1936, deixando viúva e dous fillos menores.