A feira de Moaña

Xosé Carlos Villaverde Román

MOAÑA

A Feira de San Xosé, no lugar tradicional de Abelendo, era unha das máis celebradas do ano

23 mar 2015 . Actualizado a las 13:36 h.

   Contaban os avós de Bouzafigueira, Pepe e María, nacidos dentro do primeiro lustro do século XX, que cando necesitaban un becerro, erguíanse ás tres da mañá para ir ao Feirón a Pontevedra, a máis de 20 quilómetros por camiños e pistas forestais, pois daquela aínda non se fixera o ramal de Marín a O Con, e co medo de chegar ao cruce da Maceira para que non lle roubaran os cartos  camuflados entre as cestas de bimbias e de carachas.

    Cando precisaban un porco ían á feira de Bueu, pois o gando maior aínda non se comercializaba na feira de Abelendo, ata que a partir do primeiro cuarto do século pasado, acadou tanto auxe, que se convertiu nunha das máis importantes da bisbarra. Triquillóns, adiviñadores, porcóns, capadores, leiteiras, peixeiras, tratantes, titiriteiros, cegos coas súas coplas e medio cento máis de persoeiros daban vida a unha economía rural e mariñeira de subsistencia.

    A Feira de Abelendo foi concedida en xullo de 1839 pola Deputación pontevedresa, previa autorización da raíña Isabel II e a instancia do axuntamento de Meira, para celebrala tódolos terceiros días de cada mes na Devesa Real en Abelendo, se ben o mantemento correspondíalle aos veciños de Tirán. Vinte e pico de anos máis tarde, en xaneiro de 1867, outro alcalde do mesmo concello consegue da Deputación que a Feira se amplíe un día máis ao mes, elexindo o día 19, o que suporía que a festividade de san Xosé se convertira na efeméride máis celebrada en Moaña; daí a tradición das corais dos ?Pepes?.