Gondomar recupera o seu histórico premio Victoriano Taibo de poesía

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez GONDOMAR / LA VOZ

GONDOMAR

O convenio foi asinado pola Editorial Galaxia, o Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.
O convenio foi asinado pola Editorial Galaxia, o Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns. Concello de Gondomar

Concello, Instituto de Estudos Miñoranos e Editorial Galaxia asinan un convenio tras non convocar o certame o ano pasado

27 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Gondomar, a Editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns asinaron esta semana o convenio co que se recupera o histórico premio Victoriano Taibo de Poesía, un dos certames con máis sona no eido literario galego e que xa suma quince edicións. Este anuncio chega tras un 2025 no que non se convocou o premio. En maio do ano pasado, entregouse o galardón ao poeta Antón Blanco Casás, pero logo nunca chegou o anuncio da vindeira convocatoria. «Gondomar asina un convenio de colaboración co IEM e a Editorial Galaxia para pór en marcha unha nova edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo, un certame literario de referencia no panorama da creación poética en lingua galega». Así o anunciaba nas súas redes sociais o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, que indicou que, «unha vez asinado este convenio, en breve daremos a coñecer as bases e as datas de presentación dos traballos»..

O premio Victoriano Taibo comezou o seu camiño en 2008 escoitando os versos de Carlos Negro, que coa súa obra Cultivos transxénicos foi o primeiro gañador dun certame polo que pasaron varias escritoras cunha longa carreira literaria. O certame naceu co obxectivo de «enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindible para as Letras Galegas», explicaban nas bases da última edición.

Polo de agora, non hai anuncio oficial da contía do premio, pero na última edición, na que gañou Antón Blanco Casás, estaba dotado cunha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo e «ata 4.000 euros, dos que 3.000 euros son en concepto de adianto por dereitos de autoría e 1.000 no caso de que a persoa gañadora acepte impartir un obradoiro literario». Ademais, gañar o premio tamén incluía a publicación do poemario coa Editorial Galaxia.

Con este anuncio, volve así o que é o premio de poesía con máis relevancia do sur da provincia, un certame que tamén foi berce de varias carreiras literarias e lugar común dun grupo de poetas do Val Miñor.