A utopía dos libros de Gondomar xa ten o seu documental

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez GONDOMAR / LA VOZ

GONDOMAR

O equipo do documental xunto a voluntarios do Espazo Lectura
O equipo do documental xunto a voluntarios do Espazo Lectura Espazo Lectura

O auditorio municipal acolle hoxe a estrea da peza sobre o Espazo Lectura

31 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Descubrir o Espazo Lectura de Gondomar foi como atopar unha utopía dos libros», explica Asun G. Losada, unha das directoras do documental A rebelión da lectura, que conta a historia da fundación que naceu no Val Miñor hai 20 anos para fomentar a lectura en galego na comarca. Unha das nenas que namorou dos libros naqueles primeiros anos foi Alma Alonso, a outra creadora da peza audiovisual que se estrea hoxe ás 17.30 horas no auditorio municipal de Gondomar.

Alma creceu xunto ao Espazo Lectura de Gondomar, un proxecto que impulsou un grupo de nais e pais do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Gondomar. Querían gozar da literatura cos seus pequenos e crearon Contomar, un contacontos que hoxe continúa activo. Alma asistiu a aquel primeiro conto e, ano tras ano, pasou polos diferentes clubs e actividades que impulsan no Espazo Lectura para persoas de todas as idades. Ela fíxose adulta ao par dun proxecto que promoveu, entre outros, o seu pai, e agora quixo contar a historia dunha iniciativa «exemplar» que «pode ser o modelo para outros similares noutros municipios».

Alma Alonso e Asun G. Losada
Alma Alonso e Asun G. Losada Espazo Lectura

Alma decidiu comezar esta aventura cando remataba de estudar comunicación audiovisual. Na universidade deu con Asun, a compañeira perfecta para a complicada travesía de producir un documental. «Para min, como filóloga, foi un shock atopar este proxecto», explica. Nunca escoitara falar del ata que coñeceu a Alma. Xuntas decidiron que querían explicar fóra do Val Miñor unha idea que se pode exportar a moitos lugares. «Eu definiría o Espazo Lectura coma unha comunidade ao redor dos libros na que a literatura é o lugar común», continúa Asun. O nome do documental tamén ten moita intención. O proxecto que se escribe en Gondomar é unha rebelión contra o mundo actual. Invita a desfrutar da lectura, da pausa das palabras e da comunidade con actividades sen ánimo de lucro. 25 persoas impulsan co seu traballo e ilusión un proxecto que recibiu, ao longo dos seus 20 anos de historia, grandes recoñecementos; entre eles, o Premio Líber 2024 á mellor iniciativa de fomento da lectura, que entrega a Federación de Gremios de Editores de España.

O Espazo Lectura tamén provocou unha especie de rebelión na vida das dúas directoras do documental. «Nunca me imaxinei dirixindo un documental e aquí estou», sentencia Asun. «E eu non sería a que son sen o Espazo Lectura», continúa Alma. Ambas as directoras insisten en que co seu documental queren mostrar todas as cousas positivas que pode achegar un espazo así a un municipio, a unha comarca e, tamén, á lingua. «Este proxecto é un axente normalizador da nosa lingua e que fai gozar da literatura a nenos e maiores», engaden. A rebelión da lectura está construída con entrevistas e imaxes de arquivo dos centos e centos de contos e historias que se contaron nas aulas do Espazo Lectura. Esta estrutura fixo que a montaxe fora un dos principais retos da peza audiovisual. «Tivemos a sorte de poder traballar neste aspecto no laboratorio do Numax en Santiago de Compostela. Foi unha axuda moi grande», explican.

A estrea de A rebelión da lectura será o primeiro paso de moitos para o documental. As directoras teñen a idea de levar de xira a súa obra polos máximos concellos e festivais posibles. «Estaremos un ano neste proceso. Logo a nosa idea é poder compartilo con todo o mundo a través dunha plataforma, que intentaremos que sexa gratuíta, xa que é un dos valores centrais do Espazo Lectura». Ademais, Alma e Asun tamén queren aproveitar para agradecer ás nove persoas que as acompañaron no proceso do documental e as entidades que as axudaron a financialo. «Sen o Concello de Gondomar e as pequenas empresas e librarías que se sumaron, non tería sido posible», indican as directoras que hoxe comezan a súa rebelión.

Unha historia heroica que se conta e canta

O proxecto de A rebelión da lectura é máis que un documental. Ao abeiro da idea de Alma e Asun tamén naceu un libro co mesmo título escrito por Fran Alonso, ilustrado por Chus Rojo e editado por Cumio Editora; e unha canción: O Cora de A Banda da Loba. «A lectura é rebelión. Alí onde se atopana razón e o corazón», di a letra dunha peza musical que mergulla no soño que comezaron uns pais e nais que querían contar contos aos seus fillos.