«Anosmia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

GONDOMAR

No disponible

02 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As cousas non volven á normalidade, pero gardan certa analoxía. Sentamos a cuadrilla na terraza do Fidels. Cañas, viño, o Julito con bigote italiano, conversas sobre os magníficos caldos de Monterrei e reflexións arredor da pandemia. Da enfermidade intentamos falar o menos posible, porque sempre hai alguén que afirma con razón: imos con asuntos felices. Daquela o Paco Mariló comeza a parolar. Primeiro saúda ao Leiro, que acaba de chegar á mesa, perfumadísimo: «Que ben cheiras que desinfectas todo!» (frase literal). Logo ponse a interpretar a realidade dende unha perspectiva tanxente e ontolóxica. A ontoloxía é unha das súas virtudes. Fala dos descoñecidos como se os coñecese de toda a vida: calidades, defectos, profesións, lugar de nacemento e lugar onde emigraron, etcétera. En Andorra, onde o Mariló e a Malucha rexentaban unha peixería, coñeceu un home que sufría «bromhidrose ou osmidrose». Quedamos loucos. Preguntamos polo significado deses termos cultos. El alzou a voz. Dixo: mal olor corporal, en definitiva. Resposta concisa. Parecía imposible que aquel home «osmidrósico», excelente persoa, encontrase parella. Daquela era clienta da peixería unha muller sen olfacto. Chámase anosmia, dixo o Mariló. Que nome tan raro, dixen eu. El miroume de esguello. Engadiu: un dos síntomas do covid, algúns enfermos non cheiran as cousas, por se non o sabías, listo! Calei. Serían a parella ideal. El con «osmidrose», ela anosmia. Saíron xuntos. Pero deixárono de contado. Cando a muller regresou á peixería contou a causa da separación: non soportaba aquel olor. Pero ti non dicías que non tiñas olfacto, preguntou o meu amigo. A muller contestou: pero chorábanme os ollos, Mariló.