O fútbol gaélico chega ao Val Miñor

Víctor Currás VIGO / LA VOZ

GONDOMAR

XOAN CARLOS GIL

Gonzalo Rodríguez encabeza o novo proxecto do Turonia Gondomar, o segundo equipo da área de Vigo

20 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O furor do fútbol gaélico chega ó Val Miñor. Despois de varios anos practicándoo no Keltoi vigués, Gonzalo Rodríguez deu o paso definitivo para achegar este deporte ó seu Gondomar natal coa creación do Turonia Gondomar este verán, sendo o segundo clube da área de Vigo en participar na Liga Galega dende este mes de setembro.

A idea estaba meditada dende había tempo e soamente precisaba do pulo definitivo. Gonzalo descubriu o fútbol gaélico cando Galicia se proclamou subcampiona do mundo en Abu Dhabi, o primeiro gran fito a nivel internacional. Púxose a investigar e entrou en contacto no Keltoi, deixando claras as súas intencións. «Chámome Gonzalo, veño de Gondomar e quero montar un equipo alá» foron as súas primeiras palabras, levantando risas e recelos.

Contra todo pronóstico, a constitución do clube foi moito máis doada do que esperaba no seu momento. Despois de anunciar o seu nacemento, pronto reuniron xente dabondo para formar un equipo masculino e feminino con máis de 40 persoas. A axuda tamén chegaría por parte do Concello de Gondomar, que lles permite adestrar de balde no campo de fútbol municipal.

No torneo de presentación do pasado 12 de xullo o equipo enfrontouse contra o Keltoi e o Auriense ourensán, quedando patente o bo ambiente coa cesión por parte dos vigueses dos balóns, servindo como anticipo dos derbis que enfrontarán a ambos conxuntos esta tempada. Amorín destaca que neste deporte hai un espírito máis nobre, recuperando o concepto do terceiro tempo.

O fútbol gaélico mestura o fútbol inglés, o balonmán e o rugbi e ten a súa orixe en Irlanda, onde está constituida a Gaelic Athletic Association, o principal organismo supervisor dos deportes gaélicos a nivel internacional. Incluso o goberno irlandés ten proxectos polos que ofrece axudas para poder expandir os seus deportes por todo o mundo.

Da devandita GAA dependen os clubes do estranxeiro, xa que lles proporciona material e apoio loxístico. En Galicia, os equipos dependen da Federación Galega de Fútbol, polo que aínda non gozan dunha autonomía e oficialidade propias.

Segundo o presidente do Turonia, «a situación actual é moi semellante á expansión do fútbol a finais do S. XIX», sendo novamente Galicia o punto de entrada deste deporte como no seu día cos traballadores do cable inglés. Este auxe confírmase co título femenino europeo e o subcampionato dos homes en Bretaña durante este mes de agosto.

A Liga Galega na que comezarán a xogar este ano os conxuntos masculino e feminino do Turonia confirma este crecemento exponencial. Para facilitar a incorporación de novos equipos, os clubes acordaron reducir o número de xogadores no terreo. «Nós aquí temos que xogar nas dimensións dun campo de fútbol inglés, que é máis pequeno», matiza Amorín. «En Irlanda xogan con 15 xogadores e hai espazos, pero aquí nin con 11. Por iso imos intentalo a nove, respectando a esencia do deporte». Este era o caso do Condado de Ponteareas, tendo que xogar así na Liga Mixta.

O proxecto conta con botar semente e no futuro poder formar unha canteira, «para contrarrestar o monocultivo do fútbol», evitando así que os equipos absolutos queden en anécdota.

Despois de practicar balonmán, rugbi, hóckey herba, esgrima ou trial, o presidente aínda ten forzas aos seus 43 anos para poñerse a camiseta do clube e xogar sempre que sexa necesario. Acompañándoo, un grupo de directivos do Val Miñor, máis ou menos implicados no deporte pero entregados na xestión. Do seu esforzo dependerá do éxito do desembarco do deporte na comarca, facendo honra o lexendario nome de Turonio, que abarcaba dende a Ría de Vigo ata o Miño.