Esta semana teñen actividades o venres e o sábado
25 ene 2018 . Actualizado a las 05:40 h.O 26 de xaneiro do ano 2008 constituíase formalmente en Gondomar a asociación para o fomento do libro e da lectura en lingua galega, Espazo Lectura. Ademais doutras iniciativas puntuais, ten a súa base en propostas continuadas, de periodicidade fixa, que se materializan en cerca de cen actividades ao ano, tanto para público infantil, dende os primeiros meses de vida, como adulto. Este inxente traballo lévase densenvolvendo durante unha década grazas ao traballo entusiasta e rigoroso dun amplo equipo humano de voluntariado da lectura: arredor de corenta persoas que coordinan clubs de lectura para todas as idades, organizan sesións de dinamización lectora na Casa da Lectura (sede da asociación e biblioteca), actividades de formación, elaboración de material didáctico e moitas outras tarefas que fan posible un proxecto que demostra que se pode vivir a lectura como algo individual e silencioso, pero tamén como unha actividade socializadora e compartida. As populares sesións de contacontos coñecidas baixo o nome de Contomar que se levaban a cabo na biblioteca pública de Gondomar dende o ano 2006, hoxe suspendidas ata que o concello dote o municipio dun servizo bibliotecario digno, foron a actividade fundacional desta asociación que nestes momentos rolda os 200 socios e socias e se dirixe á poboación no seu conxunto.
De cara á primavera Espazo Lectura ten previsto organizar un acto público de celebración dos dez anos de vida da asociación. Mentres, a vida segue e para esta semana teñen tres actividades programadas. Mañá, venres, ás 18.00 horas, sesión mensual na Casa a Lectura de Contos en Cueiros, para bebés de 0 a 3 anos e as súas familias.O sábado, ás 12.00 horas, se reúne o club de lectura Lendo Contigo, para nenos de 6 a 11, con Marcos López Concepción de convidado, e ás 20.00 horas, o Comando Le (maiores de 12 anos), con visita de María Reimóndez.