Embarcou con 14 anos porque «era o que había» e a pesca foi o seu oficio durante corenta anos. O luns recibirá unha homenaxe en Cangas
27 ago 2026 . Actualizado a las 02:01 h.«O mar nunca me gustou, non era o meu», di Carlos Hermelo García (Cangas, 1944), á vez que se define como «un home de mar de toda a vida» e atribúe a este feito unha das razóns polas que vai ser homenaxeado o luns nas Festas do Cristo.
Embarcou sendo un adolescente de 14 anos porque «o mar era o que había». Na escola á que ía dixéranlle que non aprendería moito máis chegado a esa idade e os seus pais non podían permitirse que seguise estudando, así que lle tocou traballar en pequenas embarcacións de Cangas.
Con 15 anos chegou a aprobar un exame para entrar na empresa viguesa Barreras, pero rexeitou o emprego o primeiro día de traballo ao saber cal sería o seu soldo. Non lle chegaba «nin para ir ao cine», así que quedou nos barcos pequenos de Cangas.
De aí foi á Marina e estivo seis anos na Mercante en Alemaña. En 1973 regresou a Vigo e iniciou a súa preparación de dous anos para ser patrón de altura. «Cando terminei na náutica de estudar, en Canarias era por onde había máis saída porque alí facían falta moitos patróns». Nesas illas acabou traballando de patrón durante veintecinco anos, nun barco que pescaba polbo, luras e linguados. As mareas duraban entre 55 e 60 días e en terra apenas botaban tres. Deixouno cando empezaron os problemas: «En Canarias houbo unha época na que a Fronte Polisaria metíase cos barcos españois, incorporaban mariñeiros marroquís a estas embarcacións e Marrocos tamén empezou a restrinxir a pesca».
Entón, como tiña un irmán patrón de pesca na Guarda, foi para un barco de peixe espada no que estivo case nove anos. Ía por Brasil e Sudáfrica en mareas de 65 días con sete ou oito días en terra. Nesta etapa decidiu deixar a pesca porque os armadores empezaron a substituír a mariñeiros españois por traballadores estranxeiros sen formación: «Saía un español e os armadores metían a un moreno porque co soldo dun español pagaban a dez africanos. O problema era que non estaban formados, co que había que botar todo o día, dende que te levantabas ás sete dá mañá ata que te deitabas ás doce dá noite, ensinándolles. Era un día enteiro de traballo con esa xente sen saír da cuberta e a min rebentábame, non aguantei máis».
Carlos recoñece que era «un oficio duro pero bonito, e ganábanse moitos cartos». Con todo, o peor era estar lonxe de casa, da súa muller e dos seus dous fillos: «É duro botar o nadal no mar e que veñan os mariñeiros á ponte á unha dá mañá e che digan: ‘Veña, patrón, a falar coa familia'. Tiñas que chamar a casa para, ao mellor, intercambiar dúas palabras».
En 1998, con 54 anos, nada máis xubilarse «xa me botaron man na igrexa para entrar na Confraría da Misericordia de Cangas da que eu era socio. Entrei coa idea de botar dous anos, como era o normal, e ao final botei 22», sinala. Da súa etapa na confraría mantén recordos agradables: «Son cousas bonitas, aprendes e estableces amizades. Con algúns aínda me carteo e con outros polo chat». Con todo, en 2020 Carlos Hermelo tivo que deixar a presidencia por problemas de saúde. Ten un marcapasos e está operado do corazón: «Houbo que deixalo porque a enfermidade foi máis forte ca min».
Agora aos seus 82 anos, desfruta plenamente do retiro: «A vida de xubilado lévoa de marabilla». Non bota de menos o mar nin lamenta que os seus fillos elixisen outros camiños. «Un é avogado e ou outro ten un taller de coches. Non queren saber nada do mar nin eu quero que saiban tampouco», di quen dedicou catro décadas da súa vida a el.
Recoñecemento da Confraría da Misericordia
O luns, ás 13.00 horas, na praza ca Constitución de Cangas, a Confraría da Misericordia outorgará a Carlos Hermelo a primeira homenaxe á Virxe do Carmen e ás Xentes do Mar. Actuará a Coral María Soliño e haberá un recital poético a cargo de Amable Santos. Hermelo afronta a súa intervención con tranquilidade: «Vou falar do que me veña á cabeza, do que foi a pesca aquí en Cangas e do tempo que levei na confraría». Esta continuará en próximos anos coas homanaxes a persoas e colectivos do mundo marítimo e pesqueiro.