Josefa Ángela Soto Prol, unha das últimas carpideiras

AURORA MARCO

CANGAS

Josefa, con cinco dos seus fillos e fillas.
Josefa, con cinco dos seus fillos e fillas.

Tivo dezaoito fillas e fillos e desempeñou diferentes oficios

27 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde tempos moi recuados, o traballo das mulleres foi fundamental para a economía familiar e a da sociedade do seu tempo. A historia tradicional e androcéntrica esqueceunas, mais elas estaban por todas partes, entregadas a diferentes labores, e moitas andaban á procura de medios económicos para mellorar a vida familiar ou para o sustento da súa numerosa prole, como é o caso da protagonista do texto.

Josefa Ángela Soto Prol, nacida en Santa Uxía de Ribeira en 1907, foi vivir a Cangas cando era nova e comezou a traballar na fábrica de conservas de Cervera. Foi unha muller que traballou arreo porque eran tempos de dificultades e, ademais, tivo numerosa descendencia: dezaoito fillas e fillos, dos que só viviron nove. Mentres ían nacendo, desempeñou diferentes oficios: varría as rúas, facía redes, vendía peixe por diferentes lugares da contorna.

Mentres andaba a vasoirar as rúas, levaba as criaturas nun carriño porque nunca as deixaba soas. Despois tivo unha carnizaría. Tamén se dedicou a limpar o cemiterio.

O oficio que a fixo máis popular foi o de carpideira, pranteira ou chorona. As carpideiras eran mulleres ás que se lles pagaba, en diñeiro ou especies, por ir cantar aos enterros, para exteriorizar a dor da familia. Desde a antigüidade, hai constancia da presenza destas mulleres nos ritos funerarios.

Moitos exemplos

Na literatura clásica hai moitos exemplos onde aparecen facendo o pranto, como na narración de inspiración folclórica Conto gallego, de Rosalía de Castro, ou en Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, por citar dous. Na súa vertente popular, o xénero perdurou nas tradicións do pobo a través de frases reiterativas de loubor á persoa morta, construídas a base de exclamacións, interrogacións, remansos... Era un oficio con certa dimensión teatral, que ía acompañado de xestualidade mentres se choraba.

Josefa A. Soto dedicouse a este oficio bastantes anos —debeu ser das derradeiras carpideiras de Cangas— e ía chorar por Coiro, Aldán, Darbo, Vilariño... Segundo fontes orais, era das mellores porque tiña un bo berro e voz axeitada para cantar e chorar. Pagábanlle con alimentos, polo xeral pan de millo, e co xantar na casa do defunto ou defunta. Como respondeu nunha entrevista na revista Interviu, 1978: «Aquello todo le era hambre. Y al cabo, por fingido que fuera, el lloro acababa saliendo. Algo había que llevar a casa para darle comida a aquella escolta de Franco que eran mis nueve hijos». E engadiu: «Lloré muchas veces de mentira en los entierros, pero más tengo llorado de verdad».

Como lembrou a filla que proporcionou esta información, foi moito o traballo, moito o sufrimento desta muller, alcumada A Torrosa e A Pechencha, con tantas mortes de seres queridos —alén de nove fillos, o pai e un neto morreron afogados— e pouca sorte co seu home, segundo respondeu a un xornalista que a entrevistou: «Máis ben era maliño».

Malia tanta perda e tantas dificultades, era unha muller alegre, que cantaba e bailaba cando se lle presentaba a ocasión. E nunca deixou de traballar porque, mesmo estando enferma, confeccionaba redes que tiña aos pés da cama e laboraba nelas. Morreu o 13 de xaneiro de 1984.

Poeta e ensaísta, sempre vencellado a Boiro

PASTOR RODRÍGUEZ

Alberto Piñeiro Bermúdez naceu en Colonia, Alemaña, en 1975, de pais galegos e sempre estivo vencellado ao concello de Boiro. Licenciado en Filoloxía Clásica, máster de profesor de español, xestor cultural, foi varios anos coordinador da A. C. Barbantia.

Como poeta, en 2007 gañou o Premio Faustino Rey Romero con Elexía a María Mariño, logo publicada en Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza, e xa en 2025 editou o poemario A luz e o silencio, onde, partindo dunha cita de Martin Heidegger, vai reflexionar, entre a filosofía e a lírica, sobre a relación entre a poesía e a vida, sobre o silencio e a claridade, cunha forte presenza dos mitos clásicos.

É autor tamén dun libro de viaxes publicado en 2017, Crónicas de Venezuela, resultado da súa estadía de varios anos nese país suramericano e dos seus percorridos para coñecelo. Ese país deu orixe a outra obra súa, Aportaciones en el estudio del léxico y la gramática del español en Venezuela, aparecida no ano 2018.

Fixo tamén unha interesante incursión na literatura infantil en 2021 con Os traballos de Hércules, relatos que recrean un mito do mundo clásico.

Para o concello de Boiro e a súa historia cómpre lembrar que no ano 2006 publicou Os músicos de Boiro, unha detallada historia das bandas e grupos populares nese concello e en 2008 apareceu o libro San Ramón de Bealo: a Romaría, unha historia e descrición dunha das máis populares romarías do Barbanza. Aínda hai que engadir o ensaio A agricultura de sempre nos mercados de hoxe, publicado en 2009.

O mar, cartógrafo sentimental

Margot Fernández

O mar rodea Palmeira de escumas e de palabras. Amosa o seu brío a gabear polas praias ata o interior do pobo. As ondas impoñen nomes a sitios de orixe a primeira vista descoñecida e mesmo enigmática.

A Praza do Callao e as rúas Numancia, Almansa (coñecida actualmente como A Canle) e Branca (fórmula galeguizada de Blanca e engadida ás anteriores con posterioridade) probabelmente remitan ao combate naval do Callao, librado en 1866 fronte ás costas do Perú. Mentres a primeira referencia rende tributo ao escenario da batalla, as restantes homenaxean tres das embarcacións que participaron na escaramuza.

Semella que os lugares mencionados lembran neste meu recanto mariñeiro un episodio histórico de importante calado, máxime se consideramos que Callao e Branca non son topónimos habituais no país.

O mar, cartógrafo sentimental, é quen de arrastrar o pasado ata o presente, o Pacífico ata a ría.

A lectora: Irene Fernández Romero

1. O seu mellor momento para a lectura. Sempre, mais quizais sexan as lecturas á beira do mar no verán as que máis desfruto.

2. Criterios que segue para a escolla dun libro. Adoito guiarme polos meus intereses, as recomendacións e polas conmemoracións literarias.

3. Que che achega a lectura? É fonte de coñecemento, e un xeito de atopar novas historias, novos personaxes e novas formas de escribir.

4. Os seus libros favoritos. Non podería escoller unha soa obra.

5. Un xénero literario. A novela.

6. Un personaxe e un espazo literario. Os Armadanzas de República sideral (Esther Carrodeguas) converten a Illa de Arousa nun lugar especial.

7. Que está a ler agora? As vidas e historias LGBT da Idade Media, de Carlos Callón.

8. Un autor en galego e outro noutra lingua. Castelao. E a voz do poeta palestino Mahmoud Darwish.

9. Que actividades, amais da lectura, ocupan o seu lecer? Contidos audiovisuais e o mundo do baile e da música tradicional galega.

10. Unha paisaxe no Barbanza digna de libro. O hórreo do Araño.