O home que tiña o RH de resina

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CANGAS

Agustín Bastón con algúns dos libros da súa biblioteca de madeira
Agustín Bastón con algúns dos libros da súa biblioteca de madeira Oscar Vázquez

Agustín Bastón mostra en Cangas a súa biblioteca de madeiras do mundo

05 jun 2026 . Actualizado a las 18:21 h.

Agustín Bastón ten o RH sanguíneo de resina. Dio a modo de chiste para significar que naceu entre madeiras e que dende os vinte anos se dedica profesionalmente ao traballo con esta materia. O seu mundo chámase Ecoespazo de madeira e está na entrada de Cangas, vindo de Moaña, no 44 da avenida de Ourense. Alí, ademais do seu traballo habitual deseñando e facendo mobles artesáns, tamén desenvolve un traballo escultórico, sempre sen saír da madeira. Unha vez ao ano, desde hai máis dunha década, Agustín Bastón amosa a súa Biblioteca de madeiras do mundo. «Estas pezas non se venden», explica Bastón para diferenciar este ámbito do resto do negocio familiar.

Hai máis de dez anos naceu este proxecto. Os volumes desta biblioteca chegan ás estantes tras un proceso cooperativo. Bastón consegue as madeiras e alguén coñecido del fai unha intervención artística vencellada ao mundo do libro. Silverio Rivas, Pepe Cáccamo, Antonio Chaves, Xan Vieito ou Vázquez Pintor son algúns deses colaboradores no proceso artístico.

Na exposición deste ano, que se poderá ver ata o 14 de xuño, móstranse 332 libros feitos por persoas de quince países distintos que empregaron nove linguas diferentes. «Só hai seis pezas nas que eu non fixen nada», apunta Agustín Bastón.

Ademais de superar amplamente o número de pezas do 2025, a novidade deste ano é a presenza de 38 madeiras procedentes dunha das maiores xilotecas do mundo. O mariño mercante Manuel Soler reuniu ao longo da súa vida máis de 4.200 pezas de madeiras de todo o mundo. Á súa morte, os seus herdeiros doaron a colección ao Xardín Botánico da Universidade de Alcalá de Henares. Neste último ano, desde o botánico complutense cedéronlle 38 pezas. «Mantiven un respecto máximo a estas pezas e só lles din un formato de libro», explica Agustín para diferenciar estas pezas do resto.

Outra das orixinalidades desta biblioteca é que non se repiten as madeiras, a non ser que sexan especiais por algo. Pon como exemplo desa repetición o piñeiro manso da capela de San Roque de Cangas. «É unha referencia en Cangas e, cando un temporal o derrubou, empreguei parte da súa madeira neste proxecto», di o madeireiro cangués. Moitas das madeiras empregadas teñen historias propias.

O percorrido pola exposición permite observar dende intervencións moi sofisticadas a formas máis sinxelas, aínda que todas moi atractivas. A exposición está aberta ata o domingo 14 de xuño de luns a sábado, entre as 12.00 e as 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas, e os domingos, de 12.00 a 14.00 horas.