El delantero Iván Amor: «Este Paiosaco está un punto máis por riba»

a. lestón, m. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CANGAS

Basilio Bello.

Os verdibrancos dan comezo á competición nacional na Porta Santa fronte ao Alondras

09 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Paiosaco inicia este domingo un novo curso na Terceira Federación. Un dos capitáns, Iván Amor, pasou polo programa Voces de Bergantiños para facer unha valoración do proxecto que está a punto de despegar. Na Porta Santa recibirán ao Alondras, de Cangas, ás 17.00. Repítese, así, o partido que cerrou a pasada liga, aínda que en campo contrario, cun triunfo (0-1) que lle deu a permanencia aos verdibrancos, aínda que, logo, cos cambios realizados polo ente federativo, xa a terían asegurada. Contra este adversario tamén firmaron os da parroquia de Lestón a primeira vitoria na casa da primeira volta.

—Como chegan a este encontro? O Alondras déuselles ben.

—Si, fixemos un gran partido alí. Esperemos estar ao mesmo nivel ou, quizais, mellor aínda.

—Teñen baixas?

—A do capitán Josiño, que está de lúa de mel. Polo demais, ningunha.

—Como ve ao equipo tralas incorporacións? A maior parte dos xogadores seguen a ser de anos anteriores. A identidade do Paiosaco pasa por manter ese bloque.

—Si, o importante é manter unha base como vimos facendo dende hai anos, e que as contadas fichaxes se adapten. Teño que dicir que estou bastante sorprendido co nivel que hai no vestiario. Arriscaríame a dicir que este Paiosaco está un punto máis por riba que a tempada anterior.

—Ademais, o adestrador, Diego Armando García, encaixou moi ben. Nas dúas campañas pasadas, a clave foi a segunda volta. Este ano, entendo que estarán concienciados para empezar con bo pé dende o principio.

—Queremos seguir co nivel da última metade do ano pasado. O equipo deu un gran cambio grazas a Diego. Estreouse na categoría con nós. Esperemos que esa mellora se siga vendo reflectida este ano e cun pasiño máis, incluso.

—A Porta Santa pódese dicir que foi o estadio máis decisivo de toda a Terceira o curso pasado.

—A calquera conxunto que lle preguntes, teme vir á Porta Santa, un campo no que é difícil xogar. Trataremos de continuar mantendo esa imaxe.

—Os compañeiros doutras formacións admítenvos que sodes o oso duro de roer?

—Si, iso escóitalo sempre. Somos un equipo bastante protestón, por dicilo así. Temos esa identidade de ser un conxunto guerreiro, que vai con todo ata o último minuto. Está demostrado, non son só palabras.

—E como está vostede? O ano pasado sufriu varias lesións, aínda que este verán firmou o subcampionato en fútbol praia coa selección galega en Cádiz.

—Bastante ben. Síntome moi ben fisicamente. O ano pasado foi o meu peor ano a nivel futbolístico. Ía deixalo porque non podía dar máis. O combinado serviume de motivación. Estou con moitas ganas de adestrar máis. Xa o estou facendo máis a nivel individual. Quero volver a mostrar ao mellor Iván Amor.