Os Domínguez fanse con tres barcos internacionais e Fontán irá a Poznan

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CANGAS

CEDIDA

O canoísta do Náutico O Muíño rozou a proeza no C2 500 sénior

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O segundo selectivo para a confección dos equipos españois que competirán neste primeiro ano de ciclo olímpico nas grandes citas internacionais das categorías júnior, sub-23 e sénior tivo protagonismo entre os padexeiros dos clubs arousáns.

Manuel Fontán, a perla da canteira do Náutico O Muíño de Ribadumia, rozou o xoves no encoro pontevedrés de Verducido a proeza de clasificarse xunto a Pablo Graña, do Rodeira de Cangas, entre as dúas embarcacións que do 20 ao 22 deste mes pelexarán en Chequia por repartirse a praza no novo barco olímpico C2 500 no Mundial e no Europeo absolutos deste ano. Tras comandar toda a regata á par do poiense Adrián Sieiro e o balear Joan Antonio Moreno e cos sevillanos Tano García e Pablo Martínez ben pegados en terceira posición, os andaluces, oitavos na última final olímpica do C2 1.000, deron a machada cun acelerón brutal nos derradeiros 20 metros co que gañaron o selectivo. Con Sieiro e Moreno segundos a 560 milésimas e con Fontán e Graña terceiros a 663. O C2 do padexeiro do Muíño defenderá as cores de España na segunda Copa do Mundo da temporada, do 27 ao 29 de maio en Poznan, Polonia. Con todo, Fontán xa tiña gañadas as prazas no C1 500 do Europeo Sénior e do Mundial Sub-23 e no C4 500 do Mundial Sénior; quedando o venres a 386 segundos de facerse co posto do C2 500 no Europeo e no Mundial Sub-23, co que se fixeron Diego e Noel Domínguez.

Os irmáns madrileños do Breogán do Grove gañaron esta semana en Verducido tamén a praza para os mesmos campionatos no C2 1.000 e, neste mesmo barco, para o Europeo Sénior.