Almanaque bio-político

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

CANGAS

09 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A grande vantaxe que teñen as eleccións municipais é a de saber con tempo cando vai ter lugar a seguinte votación. Unha certeza que non temos nas outras convocatorias electorais, nas que parece depender todo da decisión do presidente, ou do seu partido. Razón pola que sempre son máis importantes os inquéritos ou as debilidades dos rivais, antes que as necesidades reais da Administración oportuna. E de aí que vivamos nunha angustiosa elección permanente.

Os socios da alcaldía comezan o ano 2022 co almanaque marcado en vermello aló polo mes de xuño, a uns once meses das eleccións do ano 2023. Con todo amortizado farán do acordo a súa disolución, nin as choronas de Cangas farán máis barullo cos lamentos e os reproches. Tendo unha data e tendo unha previsión a seis meses, o que aconteza nas próximas vinte semanas vai a marcar a liña de partida das municipais do ano que vén.

Até entón quedan fotos de diario de acondicionamento de parques infantís. Recórdolle ao tenente tobogán que a proposta de que vote a rapazada aínda está só nos libros de Francesco Tonucci. Para que se faga unha idea da abstracción da cidade dos nenos, o obxectivo é ser «como Pontevedra», a cidade premiada. Son estas ideas o cerne ao futuro sen barreiras. Reforzando as teses de Tonucci, hai que apostar por unha cidade na que as nenas e nenos acaden a autonomía en toda a cidade, e non dentro de espazos separados das rúas e prazas por uns marcos de cores aos que lle chamamos parques infantís.

Fronte a esta proxección a seis meses está a estratexia, ou a falta dela, dos partidos que están confrontando coa alcaldía. Parecer parece que non están activando ás bases para unha victoria en votos.

Semella que seguen a «táctica Fabiana», que só tivo un éxito aló no 216 antes de Cristo, cando Quinto Fabio Máximo se enfronta a Aníbal na segunda guerra púnica «retrasando a toma de acción».

Chama a atención que o presidente da Deputación regalara un calendario do 2023 co 28 de maio marcado en colorado. O resto de partidos que deben coordinar ao mesmo tempo as dúas estratexias, a electoral e a dos fundamentos, parece que están como os cativos apañando nos caramelos tras os dromedarios, a ver de onde lles cae. Imos escorregando cara o tenente tobogán.