Para conseguir medalla, a Cangas

Antía Cuadrado VIGO

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

A emoción invadíu onte o paseo marítimo da vila, onde tivo lugar a recepción dos olímpicos

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que catro deportistas, galegos e, ademais, de Cangas, saísen coa ilusión de competir en Tokio e chegasen de volta cunha medalla en cada pescozo é algo que non acontece todos os días. Despois de tanto esforzo, de lidiar unha auténtica batalla como é competir nuns Xogos Olímpicos, e aínda por riba, conseguir saborear o triunfo, é emotivo dabondo para que Cangas organizase unha festa que aínda segue pola vila unha semana despois da aterraxe dos deportistas na súa terra.

A capital do Morrazo tinguiuse coas cores dos Xogos, aplaudindo e chorando de emoción as vitorias conseguidas polos seus catro embaixadores olímpicos: Teresa Portela, gañadora da prata en K-1 200, primeira medalla olímpica dos sextos Xogos aos que asiste; Rodrigo Germade, prata en K-4 500, figura estrela do piragüismo; Iván Villar, prata coa selección española de fútbol; e Rodrigo Corrales, bronce coa selección española de balonmán, coa que culmina os seus ciclos olímpicos.

Os deportistas foron recibidos onte nun acto institucional celebrado na explanada de Ojea, no paseo marítimo de Cangas, a pleno sol do mediodía. Ao son de música tradicional, os olímpicos subiron a un escenario rodeado de ollos familiares, de todas as caras deses veciños que levan anos seguindo e apoiando os seus triunfos e desgustos.

Faltou a presenza de Iván Villar, que non puido asistir polo comezo da tempada de fútbol, pero que adicou unhas palabras dende a distancia. «Quería agradecervos o voso inmenso apoio, que me destes dende que comezaron os Xogos», declaraba o porteiro na pantalla do escenario.

Os olímpicos alí presentes tamén se sumaron aos agradecementos, aguantando as bágoas. Teresa Portela, quince veces medallista mundial, dezasete europea e, agora, por fin, medallista olímpica, non sabía como expresar o agradecida e orgullosa que estaba tras esta ansiada vitoria. «Levaba dende os 18 anos perseguindo esta medalla, dende os meus primeiros Xogos no ano 2000. Soñaba con este momento», comentaba a palexeira. «Sobre todo, estou orgullosa de crer en min, de insistir e de conseguilo, é a guinda do pastel», engadía ilusionada. Os seus compañeiros miraban para ela compartindo ese sentimento de ledicia que só un medallista olímpico pode entender. «É moi emocionante para nós estar aquí hoxe, non podo estar máis contento de ter os compañeiros que teño e de culminar unha etapa tan difícil, os meus ciclos olímpicos, cun bronce», falaba así Rodrigo Corrales da súa traxectoria olímpica, que non comezou con estes Xogos, senón que leva anos de esforzo e traballo detrás. «O noso equipo ten uns valores que nacen no momento en que un se inscribe no deporte: compromiso, saber aparcar os egos individuais e primar os colectivos, estar o un para o outro... Os traballo non sempre se mide polas medallas, pero é certo que terminar unha competición cun bronce é incrible», engadía o balonmanista.

O acto, que contou con representantes institucionais, do Concello de Cangas, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, fixo alusión á importancia de seguir unha vida saudable e do papel fundamental que cumple o deporte para acadarla. Nesta ocasión, os olímpicos serviron de espello para o deporte base, reflectindo un abano de posibilidades á hora de practicar actividade física. «Isto é unha cadea, nós somos só unha ligazón, pero todo ten que estar unido», dicía Portela.

Os apoios

O apoio das institucións, da familia, dos adestradores, dos clubes... é fundamental para que se termine debuxando un horizonte de éxitos. Porén, os medallistas non aconsellan obcecarse con chegar ao más alto, apelando ao esforzo que conleva chegar onde están hoxe eles. «Non hai que obsesionarse co ouro, pois é froito dun traballo moi grande. Con constancia e esforzo acabas chegando á elite, pero para iso tes que quitar moito tempo da túa vida e renunciar a moitas cousas», comentaba o piragüista, Rodrigo Germade. Teresa tamén se pronunciou, dirixíndose á canteira: «É un longo camiño, non se consegue nun día ou dous». A dureza e perseverancia destes deportistas levoulles ao triunfo, pero para conseguilo viviron momentos difíciles, que non se chegan a apreciar.

Viaxar a París no 2024 é o seu próximo reto, pero apenas teñen tempo de repórse para erguerse de novo. Germade acaba de chegar e xa marchará de novo, esta vez para competir en Polonia. Corrales partirá hoxe con destino a Hungría, onde comezará a adestrar para a próxima tempada. Pola súa parte, Teresa prefire quedar na casa un tempo. Cre necesario descansar e «non pensar en paladas» polo de agora. A canguesa apelou á necesidade de coidarse, non só fisicamente senón tamén psicoloxicamente, máis agora, despois de vivir uns Xogos Olímpicos que romperon con moitos teitos de cristal.