Rodrigo Corrales: «Vimos a competir e a gañar, non estamos en Toquio para disfrutar»

CANGAS

O galego admite que o soño son as medallas, pero avisa da dificultade do grupo

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Rodrigo Corrales Cordal (Cangas, 1991) entrou con bo pé nos seus primeiros Xogos Olímpicos. Con trunfo da selección española masculina de balonmán sobre Alemaña. O porteiro do Veszprém húngaro non tivo participación pero diante de Noruega mañá pode ser o seu primeiro día. Declárase orgulloso de formar parte dunha xeración tan prolífica do deporte galego e di que o primeiro obxectivo son os cruces, pero na súa mente tamén está o podio. Non están en Toquio de turismo.

-Que tal se sentiu poñendo un kimono a xeito de presentación?

-Foi unha foto graciosa. Estabamos na prefectura de Nagasaki e o alcalde, tan simpático el, quixo agasallarnos cos kimonos típicos, unha prenda á que lle temos moito respecto porque se utiliza para cerimonias pero tamén nos quedaba un pouco pequeno e utilizámolo como bata. Pedímoslle permiso a eles e fíxolles moitísima graza.

-Como levan eses controis tan estritos?

-Non temos opción algunha de saír na vila, pero estamos aquí para xogar partidos e competir, non a facer turismo. Está nunha instalación grandísima e hai moitas cousas. As circunstancias son diferentes pola covid, pero hai que adaptarse a todos os protocolos a seguir, que son moitos. Por exemplo, comemos en mesas que están seladas individualmente con cristais.

-Como está o equipo?

-Penso que estamos ben. Tivemos mala sorte de perder a tres xogadores importantes no período de preparación, pero creo que as sensacións son boas e o equipo está ben e que irá medrando co torneo. Non nos axuda o sistema de competición dos Xogos, xa que nós estamos acostumados a xogar con 16 xogadores e aquí só entran 14 en convocatoria e iso para un equipo que fai tantas rotacións coma nós, prexudícanos un pouco máis.

-Como ve o seu grupo?

-Creo que nos tocou un grupo moi complicado e difícil onde o máis importante é manter a calma. Na miña opinión, hai outras tres seleccións que connosco son candidatas a estar aí arriba, que o seu obxectivo mínimo é estar en semifinais e logo están seleccións como Brasil ou Arxentina que teñen menos que perder, pero están moi motivadas e que sempre nos deron moitos problemas.

-Ademais non empezaron con balas de fogueo?

-Moitas veces empezas con rival máis frouxo e iso axúdache a poñer o pé na competición e adaptarte a todo isto pero aquí tocou un rival moi complicado que nos esixiu estar metidos dende o primeiro minuto.

-Cal é o obxectivo?

-O primeiro, pechar a clasificación para cuartos.

-Falar de medallas a estas alturas é unha utopía?

-Cando fas a preparación dunha competición, sempre soñas, sempre cres e queres chegar o máis lonxe posible. Aquí non entra iso de vir ós Xogos e cumprir un sono e disfrutar, nós vimos a Toquio a competir e prepararámonos para gañar, pero falar de medallas a estas alturas é difícil. Non hai que renunciar a nada nin dicir que non é un obxectivo, pero hai que ter moito respecto porque eu creo que hai moitas candidatas. De entrada temos que quedar entre os catro primeiros do grupo e a partir de aí xógaste todo a un partido. Esta selección se por algo se caracteriza é por competir e unha das virtudes que temos é que sempre damos a cara. Cando gañamos é porque as cousas se fixeron moi ben e cando perdemos é por marcadores axustados. Sen ir máis lonxe, no Mundial con Dinamarca perdemos por un gol a falta de 5 segundos. Nós o que nos esiximos é dar a cara en todos os partidos.

«Galicia é unha terra de moi bos deportistas»

Rodrigo Corrales leva tempo instalado no cumio do balonmán, tanto a nivel de clubs como de selección, pero tiña pendentes uns Xogos Olímpicos, algo que nin soñou de neno.

-Para vostede a nivel persoal que significa estar nuns Xogos?

-É unha competición que nin soñas cando eres pequeno, porque xogas ó balonmán para estar cos amigos e para pasalo ben. Nin te chegas a imaxinar que podes chegar a xogar a nivel profesional, para canto máis estar nunha Olimpíada, pero cando comezas a medrar e adicarte a isto e empezas a seguir a competición, decátaste de que os Xogos Olímpicos son un soño que todos temos. Estou moi orgulloso de ter a oportunidade de estar aquí porque o ambiente que hai é incrible, porque compartes o mesmo espazo con mellores atletas do planeta. Ademais, chegar aquí é unha cousa que custa moito e cando é así, mellor sabe. Isto é unha oportunidade única.

-Catro cangueses están en Toquio, case nada.

-É incrible, pero xa non só polo feito de que estas Olimpíadas estamos catro, senón polo rexistro de medallas que ten Cangas a nivel olímpico, igual que a cantidade de deportistas que están saíndo en Galicia, que eu creo que é unha terra de moi bos deportistas e ser parte deles a min éncheme de ledicia. Estou moi contento de compartir delegación con deportistas como Teresa Portela, que nestes Xogos vai facer historia, porque se eu xa estou contento por estar nun, imaxínate Teresa, que leva seis, e seguro que co gran competidora que é vai optar a todo. Logo está Germade, que ten moitas opcións de medalla e como non Iván Villar, co que falei con el hai pouco, e que está moi contento.

-Ten algunha explicación?

-Fala moi ben do camiño do deporte que fai Cangas e da cultura deportiva que temos e oxalá podamos escribir unha páxina de ouro do noso pobo, pero tamén de Galicia, que é unha comunidade que está medrando moitísimo a nivel deportivo.

-Un éxito agora sería diferente polo contexto no que vivimos?

-Son momentos complicados para a sociedade e nós o que podemos facer como deportistas é dar o máximo, porque ás veces a xente utiliza o deporte para evadirse e levar unha alegría, e a nosa responsabilidade é tentar de darlle alegrías.