«A día de hoxe non hai outra orde que preparar o debut»

x.r.c. VIGO

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

Os capitáns da Liga Asobal piden un protocolo sanitario e de competición para unha liga que arranca o mércores para o Cangas

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dani Cerqueira asinou como capitán do Balonmán Cangas un escrito de todos os capitáns dos equipos de Liga Asobal solicitando un protocolo sanitario e deportivo ante o inminente inicio da tempada (o vindeiro mércores). Piden axudas para que os clubs poidan facer as probas PCR para ter máis controis e tamén unha folla de ruta sobre a competición en caso de que algún equipo teña que parar. Ademais, no caso do Cangas, o protocolo da Xunta impediulles xogar partidos amigables en Galicia, pero grazas ó da Federación Española polo menos puideron adestrar con contacto «porque se non estaríamos falando doutro deporte».

-Como xurdiu a iniciativa dos capitáns?

-Vendo a situación. Hai unha incertidume bastante grande, sobre todo polo tema sanitario, e debemos ter en conta que imos estar viaxando moito, nalgunha ocasión cada catro días. Queremos contar con normas sanitarias porque para os clubs facer probas PCR é un desembolso moi elevado. Pedimos que se establezan uns protocolos, tanto sanitarios como de competición.

-Son obrigatorios os controis?

-No Cangas, a nivel de club, fixemos uns serolóxicos hai unhas semanas, pero é un diñeiro que non estaba metido nos presupostos dos clubs. O ideal sería facerse probas continuamente, para estar máis seguros. O tema sanitario é moi importante.

-Tamén se apunta a posibilidade de reformular o calendario?

-Porque con dous equipos máis na Asobal o calendario está moi axustado. De feito, hai meses que xogamos seguido mércores-sábado e o problema chegaría se un equipo se perde seis ou sete partidos na primeira volta. Como se solucionaría iso? Non se sabe, está todo no aire, por iso pedimos que se establezan medidas de cómo se faría.

-Mantense a idea de empezar a tempada a vindeira semana?

-Nós estamos adestrando mañá e tarde e o vindeiro mércores temos partido en Valladolid. A día de hoxe non hai outra orde que non sexa preparar o partido de Valladolid, pero isto cambia de hoxe para mañá. Nós temos que adestrar para iso, non imos adestrar pensando que isto non vai arrincar, porque entón estariamos facendo mal as cousas. Por agora non hai noticias doutra cousa.

-Como levaron a pretempada sen partidos en Galicia polo protocolo da Xunta?

-Xa xogamos tres partidos e todos eles fóra de Galicia, porque cada comunidade toma as súas medidas. Nos adestramentos cumprimos o protocolo, chegamos con máscara, aplicamos xel as mans, pero logo os adestramentos son normais.

-Menos mal que a Federación permite o contacto....

-Porque este é un deporte de contacto. Eu persoalmente creo que non seríamos capaces de empezar a liga se durante a pretempada non tivéramos contacto, sería imposible, estaríamos xogando a outro deporte.

-Hai medo pola situación que se está a vivir?

-Tés medo porque nunca sabes onde o podes coller, pero unha vez que estás xogando, inconscientemente esquéceste. Iso si, hai que manter os protocolos, non nos podemos saudar antes do partido e temos que manter distancia co equipo rival, pero logo no partido todo é normal, o deporte é deporte.