«No verán a miña familia fuxía como alma que leva o demo para Cangas»

Xosé Manuel Pacho Blanco OURENSE

CANGAS

O avogado e escritor ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco lembra as anécdotas estivales na vila pontevedresa

20 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense é un lugar espléndido para vivir, sobre todo no verán. En calquera fotografía dos termómetros estragados do centro da cidade, Concordia, Subdelegación, Alameda, veremos sempre unha temperatura de máis de corenta grados, e un sol gamberro que non nos deixa ata que chega a noite, momento no que podemos gozar das famosas noites tropicais ourensáns. En fin, que as escusas para marchar de Ourense no verán son tan boas como para marchar no resto do ano, pero con calor, e non falo de política, porque entón deberíamos marchar máis lonxe.

O caso é que a miña familia dende que eramos pequenos, fuxía como alma que leva o demo. Marchabamos á Cangas do Morrazo, onde nos atopabamos con máis exiliados ourensáns, que gozábamos do mar e da praia con ese pracer que só os que non estamos todo ano vivindo a carón do mar podemos experimentar. Alí, antes, como agora, mesturabámonos cos madrileños, para formar parte da tribo dos jodechinchos un cariñoso apelativo (dixen cariñoso apelativo?) co que nos alcumaban os indios do lugar (dixen os indios do lugar?). Despois confraternizabas con eles, e convertíaste nun indio máis que criticaba aos que viñan de fóra, coa lexitimidade de levar alí veraneando no meu caso dende cativo.

Eses veráns daban para moito, para anécdotas inverosímiles como aquela vez que un veciño do noso edificio tiroulle pedras a un alcalde de Cangas que, cabreado, foi porta por porta preguntando quen fora. Para descargo do meu veciño direi que as pedras eran moi pequenas e el, o alcalde, cos anos deixou a política e fíxose hippy. Lembro tamén outro verán que ía pola praia e comezou a xente a dicir que había un cantante que baixara do barco e estaba na praia de Rodeira, rodeado de mulleres e de escoltas. Achegueime por curiosidade, e para o meu desgusto, eu era un adolescente con demasiadas expectativas, o cantante resultou ser Julio Iglesias, e non me pareceu para tanto. O que me leva a outra curiosa historia, foi xustamente nun bar de Cangas onde me tomaron as medidas da miña toga de avogado que agora tamén é toga de profesor universitario. Quique Gavilanes, un amigo do meu pai, resultou que tiña en Madrid a xastrería máis importante de togas do país, e veraneaba na vila dende os sesenta, así que un bo día, achegueime ao bar onde estaban para que me tomase as medidas, mentres se queixaba do seu Atlético de Madrid.