«A Inquisición en Galicia foi tardía e non se tomou en serio a bruxería»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

CANGAS

MARTINA MISER

Os expertos atribúen a caza de bruxas en Europa aos conflitos da Modernidade, que non se chegaron a dar en España

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa experiencia de ter sido durante moito tempo profesor de Antropoloxía na Facultade de Filosofía da USC, Xosé Ramón Mariño é un dos expertos da cultura e tradicións galegas.

-¿Influíu o Malleus en Galicia?

-Aquí non tivo gran repercusión na época, pero si que é interesante no estudo da persecución da bruxería. As crenzas veñen da Idade Media e mantéñense máis ou menos igual ata a nosa cultura popular. O que creen en bruxas os labregos, os mariñeiros e a sociedade ata o século pasado vén dende a Idade Media. Non houbo grandes cambios. O Martelo das Bruxas tampouco influíu nas crenzas, que é que son cousa do demo, que teñen un pacto co demo, que teñen certos poderes, que fan determinados ritos. Todo iso críase máis ou menos xa desde o principio. O que cambia é a actitude fronte a esas crenzas e aí si ten unha influencia, non total, senón certa. Os datos que temos da Idade Media, os escritos de santos e de papas é que a bruxería eran inventos do demo, que non tiñan demasiada importancia. O máximo que podía haber, é unha lei inglesa do século VII, que se podía poñer unha multa a quen crera nesas cousas, pero o normal é que non se tivera en conta. Non se cría para nada que tivera incidencia na vida da xente.

-Pero esta visión cambiou.

-Si, iso vai a cambiar no século XV. San Bernardino de Siena di en 1427 que teñen que ser exterminadas. Jean Miller en 1437 escribe que os aquelarres son reais, non visións, senón que son xente que vive nunha seita. E despois xa ven O Martelo de Kramer e Sprenger. Uns anos antes, Inocencio VIII, nunha bula que foi importante polas consecuencias que tivo, Summis desiderantes, de 1484, considera que hai que exterminar os bruxos. Un papa por primeira vez tómase en serio o tema. Estamos xa preto do século XVI.

-¿Por que si influíu en Europa?

-O escribiron dous monxes. Boa parte do libro son historias que recolleu un deles que foi un inquisidor terrible. O que aporta O Martelo é un manual de persecución da bruxería, é un best seller na época nese sentido. Di como hai que interrogalas, admite que se aplique a tortura sen ningunha restrición, e a sentenza case sempre é a morte. Era un precedente terrible e que foi imitado en moitos sitios. E o interesante aquí é se isto tivo influencia en Galicia.

-¿E cal é o seu veredicto?

-Que non a tivo, por unha razón. En Galicia non houbo ningunha persecución por bruxería levada a cabo pola Igrexa, a única que houbo foi en Cangas, a María Soliño, e iso foi polo alcalde, porque quen a salvou foi a Inquisición de Galicia, que non se tomaba en serio a bruxería. E é que a Inquisición española non se tomou en serio a bruxería, entón aquí, O Martelo non tivo demasiada influencia.

-¿E por que?

-É interesante saber por que uns países o tomaron en serio e outros non. Tomárono en serio en países como en Alemaña e no norte de Francia, en Inglaterra durante a guerra civil, ou sexa, en países onde se estaba realmente a producir a Modernidade, onde se estaba instalando un novo sistema, un cambio moi grande, que provocou moitísimos conflitos.

-¿Cal era a visión más antiga?

-O que facía ao falar de bruxería sempre, e tamén na cultura popular é que se lle chame bruxa en realidade á quen consideras mala persoa, con quen te levas mal. Normalmente nas relacións de aldea e como eran tamén na Idade Media, considerábase a unha persoa bruxa cando querías dicir que era mala persoa, pero non pretendías matala nin moito menos. Para que se dera ese paso tiña que suceder que se deran conflitos moi serios e iso foi coa Modernidade nos países que estaban levando unha gran revolución.

-¿En España non?

-Non se produciu ese cambio. En España so houbo unha persecución por bruxería en Zugarramurdi, cara 1610, e foi un inquisidor francés e fanático, quen a levou a cabo. En España non houbo persecución por bruxería grazas a esa razón de que se deu onde se estaba producindo a Modernidade, e aquí aínda estábamos na Idade Media, non houbo un cambio económico e social, e como non o houbo os seus conflitos.

-¿Que fixo a Inquisición?

-En España influíu o labor no século XVII, de Alonso de Salazar Frías, que sendo o inquisidor fixo un informe dicindo que o das bruxas era algo sen ningunha importancia, que non había que perseguilas. Escribiu que son parvadas, que a xente nin vai o aquelarre, ni voa, nin pode producir enfermidades, que son supersticións. E iso vai influír moito na Inquisición, que non se tomou en serio a bruxería e, concretamente en Galicia, a Inquisición foi moi tardía e sempre rexeitada polo clero local. Impuxéronlla.

-O caso de María Soliño é famoso.

-En máis de 200 anos de Inquisición en Galicia houbo informes sobre bruxas, porque houbo denuncias, pero non se tomou en serio nunca, nin se castigou. Os únicos dous casos son o de María Soliño en Cangas, e outro en Vimianzo, e nos dous son os alcaldes os que torturan as acusadas, pero non a Inquisición. Polo tanto, en Galicia, non houbo persecución, nin matanzas de bruxas. ¿Por que? Porque nin en Galicia nin en España se estaba dando a causa que xerou a persecución: os conflitos sociais derivados da Modernidade. Hai unha proba no leste de Europa. En Rusia, ¿cando houbo persecución por bruxería? No século XVIII, cando aquí na Europa Occidental xa chegara a Ilustración e foi a final desas crenzas e deses tribunais. E alí, ¿por que? Porque no leste empeza entón a Modernidade e é o que vai a crear conflitos sociais e derivar en acusacións de bruxería.

«A bruxería tradicional é un gran invento porque evita os conflitos veciñais»

Os antropólogos analizan o fenómeno da bruxería poñéndoa en perspectiva como un mecanismo social.

-Cando chegou a Modernidade a España, ¿houbo persecución contra as bruxas?

-Chegou tarde, foi coa Ilustración, e xa non houbo opción para que houbera persecucións contra bruxería, pero ollo, a Inquisición non perseguiu nin en España nin en Galicia por bruxería, pero noutras cousas si foi terrible.

-¿Por exemplo?

-Foi terrible coas heterodoxias. Aos heterodoxos si que os torturaron e os mataron. A Inquisición española foi terrible, como a Alemaña foi coas bruxas, aquí foino cos heterodoxos.

-¿Por que?

-España desde os Reis Católicos e despois co Imperio faise un estado confesional católico. A heterodoxia era considerada unha subversión contra o Estado, contra o poder e por iso se perseguiu. De feito, a Inquisición en España quen a impuxeron foron os reis, e en concreto en Galicia Felipe II, porque o clero local non a quería. Foi un instrumento do Estado, que consideraba ao catolicismo como unha das súas bases. Por iso precisamente expulsaron aos xudeus e aos moriscos porque o ideal que se considera nese momento é un Estado, cunha única relixión. A heterodoxia, entón, si a van a perseguir, pero a bruxería non porque non se daban as circunstancias para que os conflitos sociais foran máis graves do que foron na Idade Media.

-¿Como foi despois?

-No mundo rural séguese crendo en bruxas, pero o normal é que iso pode haber insultos nos casos máis graves, pero nunca vai a derivar en mortes. En realidade a bruxería tradicional, salvo neses casos de conflito, é un grande invento porque ti tes un conflito co teu veciño e en vez de enfrontarte directamente a el, tamén poderían facelo claro, pero o que fai a bruxería é pensar que podes recorrer a ela, que en realidade non ten ningún efecto e iso evita a un conflito directo. Non sei se me explico ben, por medio da bruxería evitas a pelexa directa ou unha agresión directa, porque confías en que por medio da bruxería xa fixeches algo contra o teu inimigo. Iso é un sistema que teñen moitas culturas, porque a bruxería é universal, para evitar conflitos, o que pasa que cando son moi grandes como cando empezou a Modernidade, pode derivar en denuncias e nos casos dos fanáticos como os autores do Malleus, en torturas terribles e a morte.