«Cóntanse cos dedos as zonas do monte do Morrazo que a xente coñece»

María Jesús Fuente Decimavilla
María jesús fuente VIGO / LA VOZ

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

O voceiro da Plataforma pola defensa dos montes do Morrazo, Cándido Martínez, di que das case 18.000 hectáreas que ten ese territorio, non chegan a mil as que teñen unha figura de protección ambiental

27 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cándido Martínez é voceiro da Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo, unha entidade que naceu no 2011 a raíz da oposición ao parque eólico de Pedras Negras, un proxecto que nunca foi adiante por mor da crise e da retirada das primas ás renovables.

-Cando comezou o seu interese polo monte?

-Eu levo dende comezos dos anos noventa interesado polo monte. Somos unha parte bastante reducida da sociedade, pero na plataforma entramos máis xente do mundo social, cultural e ambiental.

-Cantos son en total?

-Somos dezasete asociacións, que se poden ver no blog, pero ao pé do cañón hai menos. O ámbito é a península do Morrazo (Cangas, Moaña, Marín, Bueu e Vilaboa), aínda que tamén contamos con apoios puntuais do entorno da ría e incluso a nivel galego.

-Cambiou moito a situación do monte nunha década?

-A situación actual é bastante problemática, empeorou a protección e preservación dos espazos naturais. Das case 18.000 hectáreas que ten a península do Morrazo, non chegan a mil as que teñen unha figura de protección ambiental propiamente dita, neste caso Rede Natura. Non chega ao 5 % do territorio e son estreitas franxas do litoral sen conexión entre elas.

-E o monte comunal?

-Dentro do monte privado, o mellor coidado é ese. Aínda que se rexa por unha lexislación como monte público, non é propiamente público. É privado, pero mancomunado a través dunha parroquia ou comunidade de veciños. Hai diferenzas entre unhas e outras, pero en xeral, está mellor conservado có particular.

-Seguen a ser os vertidos ilegais uns dos principais problemas?

-Segue habendo pola mala xestión dos residuos, pero non é a única problemática nin a principal. Por iso, cando montamos a plataforma foi contra o parque eólico. Despois nos mobilizamos contra os parques empresariais, na Cruz de Maceira, Pastoriza e o monte Pornedo. Quizais o máis grave problema sexa a industrialización dos montes; iso implica recualificar terreos. Despois está a eucaliptización do monte e, a través diso, os incendios forestais.

-Por que existe ese desinterese xeral?

-Hai un problema de desarraigo por parte da poboación. Antes, ata os anos 50 ou 60 se traballaba. A principios do século pasado empezou o Estado a facer unha política contraria. O que era monte baixo converteuse en forestal e agora temos un exceso de arborado e mal xestionado, con especies invasoras. Algunhas parcelas que se deixaron de cultivar volvéronse carballeiras. O Morrazo atesoura as masas de carballeira e de fraga caducifolia máis importante das Rías Baixas.

-Corre perigo?

-Si. Está en perigo pola ameaza desas especies invasoras de rápido crecemento e polo lume.

-Cales son as zonas mellor conservadas do Morrazo?

-Hai varias. A de Montes do Morrazo, con 3.500 hectáreas de Moaña, Vilaboa e Marín; e O Carballal de Coiro, con 360 hectáreas, de Moaña, Bueu e Cangas. Hai zonas concretas, como o monte Xaxán e o nacemento do río da Fraga, os montes Cela, Ardán...

-Son coñecidos pola xente?

-Cóntanse cos dedos da man as zonas que a xente coñece dos montes do Morrazo. Por iso facemos andainas por distintos espazos, unha ao mes. Empezamos no 2011 con roteiros reivindicativos, pero dende o 2014 facémolas polos espazos naturais para que a xente os coñeza. Veñen de moitos sitios, de Vigo, do Salnés... Levamos xa unhas trinta. Vemos que a posta en valor dese espazo paisaxístico, cultural e ambiental é mínimo. Aparte da denuncia e das alegacións, na plataforma facemos divulgación do patrimonio. É importante coñecer o interese arqueolóxico e, en xeral, cultural. O Morrazo posúe ducias e centos de vestixios de distintas etapas da prehistoria e historia que moita xente descoñece pese a telo moi preto.