«Non é culpa nin do adestrador nin dos xogadores»

L. C. G. VIGO

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

O presidente do Cangas, Manuel Camiña, mostra a súa tranquilidade malia a situación do equipo

27 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Balonmán Cangas non logra tomarlle o pulso ao campionato. A pasada fin de semana sumou a súa novena derrota da liga e marcha pechacancelas a tres puntos do corte. O panorama non é alentador, pero Manuel Camiña, presidente do club, está plenamente tranquilo e lembra que, por orzamento, é o posto que lles correspondería, aínda que van loitar con todas as súas forzas por unha permanencia na que confían.

-Hai preocupación no club pola situación do equipo?

-Hai que xogalo todo. Nós nunca nos poñemos nerviosos nin preocupados, nin moito menos. Somos o presuposto máis baixo de toda a categoría, así que imos normal pola parte económica. Non estamos perdendo xogando mal. No último encontro na primeira parte tivemos cinco postes, estamos fallando no lanzamento. O equipo está competindo. Tampouco temos moita sorte coas arbitraxes, como en Logroño ou Cuenca. Queda moito que xogar. O que pasa é que os equipos están sumando puntos, coma o ano pasado. Cada equipo ten as súas xeiras. Non descartamos nada, pero nós non pensamos en que imos baixar. Para nada. Os xogadores están no equipo que están, o único que se lles pide é adestrar e loitar nos partidos a morte. Son situacións que temos un ano si e outro tamén.

-Cre que se está a repetir a campaña pasada?

-Non, porque a pasada ao principio o pavillón estaba mediado ou tres cuartos, 1.000-1.300 espectadores, pero no momento no que tocou o perigo O Gatañal enchíase. Agora estamos tendo unha media de 1.800 espectadores porque hai que salvar ao náufrago. Os anos que fomos a Europa chegaba a segunda volta e viña pouca xente ao pavillón; cando estamos abaixo é cando enchemos.

-Teñen confianza plena no adestrador, Magí Serra?

-Pola cabeza non nos pasa nada, culpa del non é, el pode ter erros, coma todos, pero é un traballador nato, está aí e mentres non se miren cousas raras... Erros téñenos todos os adestradores, e máis nun partido de balonmán, tan rápido e dinámico. A xente, ao final, fas unha valoración e non o está facendo mal. Non lle podemos botar a culpa nin aos xogadores nin ao adestrador. Se hai que botar a alguén é á directiva, que non conseguiu máis cartos.

-Teñen confianza cega en acadar a salvación?

-Falta un mundo para acabar a liga! O ano pasado ao acabar a primeira volta só tiñamos un punto máis ca nesta, e aínda nos quedan partidos para xogar. O equipo está perfecto. Non temos equipos para máis. Se baixamos, pois é o que nos toca. Sería unha mágoa, pois si, porque cun pouco máis de diñeiro teriamos solucionada a papeleta. Os que somos de Cangas non pensamos en descender, damos por feito que ao final teremos festa rachada. Se non pensaramos iso, xa non saiamos. E se ao final baixamos, pois quedamos sen a festa. Xa volveremos tentalo.