«Se o galego non o utilizamos máis na Xustiza é porque non queremos»

Alfredo López Penide
López Penide CALDAS DE REIS / LA VOZ

CANGAS

Carlos Mondragon Rodriguez

Caldas rende homenaxe aos primeiros xuíces que ditaron sentenzas en galego

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Temos tan metido o castelán na Administración que ata unha persoa galegofalante, en principio, non se decata, non é plenamente consciente». Encarna Dasi Dorelle criouse nunha aldea na que aprendeu «a falar galego antes que castelán», pero no seu primeiro destino como xuíza, na localidade pontevedresa de Cangas, empregaba o castelán.

Foi ao chegar a Caldas cando se decantou por empregar a lingua na que se expresaba dende nena, unha decisión que, segundo recoñece, «no eido do xulgado foi recibida con moitísima naturalidade porque no partido xudicial de Caldas a xente fala e exprésase en galego, polo que a chegada dunha xuíza que falaba todo e escribía sentenzas en galego, como o resto de resolucións, non chamou a atención».

Encarna Dasi será, xunto aos maxistrados Miguel Ángel Pereira e Dalina Dopazo Blanco, obxecto dunha homenaxe por parte da Irmandade Xurídica Galega este venres por ser os pioneiros á hora de ditar resolucións xudiciais en galego. Trátase dun recoñecemento que esta última, actualmente destinada no Xulgado do Social número tres de Lugo, recoñece que lle sorprendeu: «Iso de que a unha lle poñan o seu nome nunha placa é estraño. Non deixa de ser raro que te adiquen unha placa por facer o teu traballo na túa lingua e que, ademais, é oficial. Tería que ser o normal».

A diferenza de Encarna Dasi, Dalina Dopazo percibe que aínda causa certas reaccións de sorpresa ver a unha xuíza expresándose en galego nunha sala de vista, «o que me resulta un pouco curioso». Neste sentido, recoñece que non é a primeira vez que estando nun xuízo alguén lle pregunta se pode falar en galego, cando «obviamente o poden falar, pero é que, ademais, é na lingua na que levo falando todo o xuízo. Ao mellor teño un galego moi raro e a xente non o identifica como tal», sinala tirando de retranca.

No seu caso, nalgunha ocasión, poucas, observou certa incomprensión: «Como se supón que ocupamos unha posición de poder, pois a xente á que lle parece fatal pon caras, pero non di nada».

Comparte, iso si, con Encarna Dasi o feito de que, antes de recalar no seu actual destino na cidade amurallada, pasou polos xulgados de Cangas onde redactou a súa primeira sentenza, xa en galego, que cre recordar aludía a algo tan tópico de Galicia como poden ser as lindes ou servidumes de paso. Tamén dende o principio da súa carreira Miguel Ángel Pereira, hoxe en día titular do Xulgado de Primeira Instancia número catro de Vigo, decantouse por este idioma: «Foi unha cuestión que meditei antes de empezar, pero, dende o primeiro momento, escribín en galego», recalca, ao tempo que insiste en que é unha «opción tan válida como a de empregar o castelán».

En todo caso, ten claro que unha vez tomada unha postura neste sentido «é imposible cambiar logo». Neste punto, a súa experiencia, «e xa leva uns cantos anos», é que «non houbo unha reacción adversa. Sempre a asumiron con moita normalidade», aínda que «houbo xente que pediu que se traduciran [as resolucións], os que menos».

Esta claro que, tal e como mantén Encarna Dasi dende o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número un de Caldas, é que «se o galego non o utilizamos máis na Xustiza é porque non queremos».