«Se non nos salvamos o pau sería para Cangas, non para nós»

O presidente lembra o baixo orzamento do equipo, cre que hai esperanza e que a clave é gañar canto antes


Vigo / La Voz

Quedan once xornadas por disputar, 22 puntos en xogo, e o Balonmán Cangas, cos seus seis puntos, ten a zona de permanencia a tres vitorias -Puente Genil, once puntos-, máis das que logrou nos 19 primeiros encontros da tempada. A salvación está difícil pero a ollos de Manuel Camiña, presidente da entidade, non imposible.

-¿Están preocupados ou moi preocupados?

-Estamos preocupados, pero non moito. Nós sabemos o que temos, dispoñemos dun orzamento moi baixo e temos que coller os retales que quedan á hora de fichar para o equipo. Antes tiñamos aos de aquí, estaban Adrián, Sera, David e cun ou dous xogadores que trouxeras de fóra, valíache, pero agora eles non están, os que hai son moi novos e non hai experiencia. Non tiñamos mal calendario, pero a portería tampouco axudou, non respondeu ás expectativas de progresión que tiñamos e agora ata tivemos que coller un gardameta veterano.

-Faltan dez xornadas e teñen que recibir na casa a Granollers, Bidasoa, Zamora, Anaitasuna, Puerto Sagunto e Puente Genil. ¿A salvación é posible?

-Si, nós estamos aí. Estamos a cinco puntos do corte. Todos os que están por riba nosa teñen que vir a Cangas e o calendario é favorable. Na segunda volta eu tiña confianza cega en que nos salvabamos, pero a dimisión de Pillo trastocounos todos os plans porque o que coñecía ao equipo era el. Agora chega un adestrador novo e necesita tempo para facerse co equipo, coñecelo e traballalo. Agora comeza a coñecelos, pero xa perdemos moito tempo. O Benidorm (22-23) era o partido clave porque gañabas e estabas aí, pero saíron mal as cousas. O que queda é loitar.

-¿Considera que foi unha boa elección Magí Serra para o banquillo?

-É bo adestrador, pero como todos, necesita coñecer a plantilla, coñecer á xente. Culpa do adestrador non é porque ademais o noso equipo é limitado. Pillo tíñaos a todos controlados e era unha vantaxe, pero nin el foi capaz de enderezar este equipo.

-¿Por onde pasa a salvación?

-O primeiro paso para salvarnos é gañar un partido xa. E a partir de aí eu creo que o equipo tirará para arriba. No próximo mes, como mínimo, temos que poñernos en 10 ou 12 puntos, hai que gañar dous partidos mínimo. Se o facemos, a xente collerá moral e na casa temos o apoio da afección.

-Mañá mídense ao Granollers tras perder de nove co Valladolid. O panorama pinta duro.

-Si, fallamos penaltis, lanzamentos dende seis metros... foi un desastre, e se perdes balóns en ataque e das contragolpes... O día do Benidorm estivemos bloqueados, foi o que nos fixo dano e a afección tamén quedou afectada.

-¿Ve ao vestiario sobrepasado?

-Eu creo que si, que o problema que teñen é que non ven a luz. É un bloqueo mental. Eu fóra da casa admito que perdan, pero na casa, coa xente que empurra por ti, que te anima permanentemente, pois tes que tirar para arriba. Pero nós non podemos facer máis porque sobre o papel a nós sempre nos descenden, ata nos dous anos que fomos a Europa. Non sempre podes facer milagres. Non podemos competir con ningún equipo en presuposto nin en nada.

-¿Sería un pau non salvarse?

-Non, para nós non. Sería un pau para Cangas, pero para nós non. Sería unha desilusión, pero non sería a primeira vez que baixamos.

-Se o descenso se consumase, ¿o obxectivo sería subir ao ano seguinte?

-Hai que ter paciencia porque cando saes coa presión de que hai que subir é cando fallas. Hai que ter calma e pensar en facer un bo ano, e igual xa apareces arriba, pero é difícil subir inmediatamente a menos que teñas moito presuposto e o equipo que farías en Asobal o fagas abaixo, pero nós non faríamos iso porque dentro da B hai clubs con máis presuposto ca nós. Nós de momento imos pensar en gañar un partido xa, para curarse.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Se non nos salvamos o pau sería para Cangas, non para nós»