«Os monólogos son un reto, un pracer e unha necesidade»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

CANGAS

Jorge Parri

Celso Parada, cofundador de Teatro do Morcego sube só ao escenario para protagonizar «House», a obra que estrea hoxe en Cangas

13 oct 2017 . Actualizado a las 22:15 h.

Que ninguén se leve a engano se vai ver un monólogo de Celso Parada (Moaña, 1958) e non ri. Agora ben, tamén pode ser que saia máis contento do teatro que se ía coa idea de ver a un actor empatando un chiste tras outro. O saberá acudindo hoxe ás 21.00 horas ao auditorio de Cangas, onde baixo a marca de Teatro do Morcego estrea a obra House. Se non, tamén pode vela mañá, sábado, á mesma hora. O espectáculo é froito dun esforzo colaborativo dunha equipa políglota.

-¿Como xurdiu este proyecto tan internacional?

-É o cuarto monólogo que fago e o dirixe o canadense Kevin Orr, que traballa en Ottawa. O coñecín a través do profesor Manuel García Martínez, que me dera un máster na Universidade de Santiago. Iso foi hai dous anos. Falamos de facer algo xuntos e xurdiu a oportunidade de montar unha obra que parte dun texto dun autor tamén canadense, Daniel MacIvor.

-¿Cal é a historia que conta? ¿Ten algo que ver co House da serie de televisión?

-Non. O protagonista é un home ao que lle vai todo mal na vida, que fai esforzos por atopar un fogar e compartilo con alguén. É un proxecto moi contemporáneo.

-É unha comedia, pero non de risa, entón.

-Non, porque é unha comedia que emana da traxedia. O repaso á súa vida é unha traxedia, en todo caso, con tintes de humor negro. Pero finalmente triunfa e se libera dos conflictos para saír do sumidoiro e ver a luz mentres soa unha canción de Johnny Cash.

-Colleu a costume de traballar con directores de fóra.

-Si, é que me interesa ver distintas maneiras de traballar e distintas estéticas. Un monólogo sempre é un desafío por non dicir que é o maior desafío que pode afrontar un actor. Coincide que sempre os fixen con directores extranxeiros. Misterio cómico, co que empecei hai 28 anos, o dirixiu o portugués Julio Cardoso; Os patios da memoria foi adaptado polo uruguayo Bernardo Galli, exdirector do Teatro Galpón de Montevideo; O lazarillo de Tormes, co tamén uruguayo Andrés Pazos. E agora House, que é o cuarto que fago. Neste caso ten que ver con que a compañía Teatro do Morcego vai cumprir 30 anos no 2018. É como retomar o seu nacemento e volver a faceta de actor de papeis unipersoais, de monologuista teatral.

-Non dos que contan chistes. O termo monólogo, hoxe, pode levar a confusión

-Xa. Non. É unha obra teatral na que un actor interpreta un personaxe. Ten un texto moi potente e tamén hai que mencionar outra aposta interesante. A escritora galega María Reimóndez traduciu o texto e na axudantía de dirección está ademais a profesora e escritora Inma López Silva. Fai esa labor porque eu non falo inglés e para que haxa unha comunicación fluída unha figura así é, neste caso, imprescindible para non perder matices.

-E nas fases previas, ¿cómo se comunicaban?

-Como se podía, vía Google Translate e cousas así, pero para as cousas importantes as facíamos a través delas.

-¿Quen avanzou mais na aprendizaxe do idioma do outro?

-Non tivemos moito tempo diso. Chegou a finais de agosto e foi moi intenso, aínda que el ten máis facilidade para os idiomas ca min. Fumos ás veces a tomar algo á Taberna do Jefe, en Cangas, e falaba coa xente sen problema. A experiencia foi moi bonita. A verdade é que todas as dos monólogos que fixen o foron, porque son un reto e un pracer. Coa idade disfrutas máis o teatro, vaste facendo un animal de escena e é unha necesidade e ese oco o enche o monólogo. O medo se perde, queda esa tensión mínima. Eu disfruto estando só. Actuar con máis xente é máis entretido pero a vivencia é moi distinta, case un ritual.

-A piques de cumprir 30 anos, ¿cal é a situación actual de Teatro do Morcego?

-Seguimos vivos. Somos dous os socios fundadores, pero hai moitos actores ligados ao proxecto. Pasamos de facer obras con 17 actores a produccións pequenas. Nas circunstancias actuais, tal como está o teatro galego, vamos a montaxes para levar a todas partes. É un paso atrás que por outra banda te devolve á esencia.

-¿O salto atrás de que depende?

-Dos recortes nos presupostos nos concellos, da falta de apoio de redes culturais e do IVE, que se reduciu a un 10 % pero nas entradas, non nas produccións, que non é o mesmo, aínda que axuda.

A compañía. Foi fundada en 1989 por Celso Parada e por Isabel Ávila, e mantén a súa actividade ininterrumpida desde entón.

A estrea. Hoxe e mañá ás 21.00 horas no auditorio de Cangas. Entradas na billeteira de 19.00 a 21.00 horas. Precio 8€.