«Coa suba do mar poden desaparecer praias nas costas de Vigo e Baiona»

O enxeñeiro monfortino Brais Fernández publicou un estudo sobre os efectos do aumento do nivel do océano no litoral do sudoeste de Galicia

Brais Fernández publicou o seu estudo nunha revista científica estadounidense
Brais Fernández publicou o seu estudo nunha revista científica estadounidense

MONFORTE / LA VOZ

A revista científica estadounidense Journal of Coastal Research acaba de publicar un traballo de investigación do enxeñeiro civil monfortino Brais Fernández López sobre os posibles efectos da suba do nivel do océano -provocada polo cambio climático- na ría de Vigo e na costa de Baiona.

-Cal é a orixe deste estudo?

-É un traballo de fin de grao que fixen na Universidad Europea de Madrid, dirixido polos profesores Dolores Esteban e Juan Martínez-Orozco. En principio tiñamos previsto presentalo nun congreso científico, o International Coastal Symposium, que ía celebrarse en Sevilla en abril e que foi cancelado a causa da pandemia. Por sorte surxiu a oportunidade de dalo a coñecer nunha revista científica prestixiosa.

-Por que escolleu esa parte da costa para o seu proxecto?

-Simplemente por unha cuestión de proximidade xeográfica. Como son de Galicia, cando planifiquei este proxecto cos meus titores decidimos que o mellor sería centralo nunha zona concreta do noso litoral. Escollémola tamén porque no Atlántico as mareas son moito máis fortes que no Mediterráneo, e as mareas son un factor importante no estudo.

-En que consiste a investigación?

-Trátase de comparar dous modelos de predicción sobre o aumento do nivel do mar, aplicándoos neste caso a un sector determinado da costa de Galicia. O máis sinxelo destes modelos coñécese en inglés como bathtub method ou método da bañeira. Consiste en analizar a topografía da costa utilizando os sistemas de información xeográfica e sinalar as zonas que poden quedar inundadas se o nivel do mar sube ata un punto determinado. O outro modelo é o chamado numérico e traballa con moitos máis factores, como o remontamento das ondas ou a batimetría, é dicir, o relevo dos fondos mariños. Este método, que aínda non é moi utilizado en España, proporciona unhas medicións máis exactas do que serían as áreas inundables.

-Que efectos tería a suba do nivel do mar nesas zonas, segundo estes modelos?

-O modelo da bañeira indica que terreos máis expostos ás indundacións son a área metropolitana de Vigo, Arcade e a zona de Nigrán, Panxón e Baiona. Na ría de Baiona poden desaparecer por completo praias como a da Madorra e o illote da praia de Ladeira. Segundo o modelo numérico, habería un impacto importante no litoral das Cíes, onde a liña da costa sufriría un retroceso significativo. Este modelo tamén indica que pode haber perdas importantes de terreo na desembocadura do río Miñor e en zonas como o cámping da praia de Baiona e as praias da Madorra, Ladeira e América. Tamén poden verse afectados os centros urbanos de Nigrán e Baiona e as áreas próximas ao porto de Baiona.

«Hai que tomar medidas, se non para impedir os danos, polo menos para mitigalos»

No estudo de Brais Fernández tómanse como puntos de referencia os anos 2100 e 2500 á hora de calcular os efectos que pode ter na costa o aumento de nivel do océano.

-Cre que os estudos deste tipo poden ser útiles para prevenir posibles estragos no futuro?

-Penso que si, porque saber con certeza o que vai pasar axudará a planificar mellor as construcións e o urbanismo das áreas litorais. Por moito que non se queira dicir, o cambio climático e o aumento de nivel dos mares son xa unha realidade. Aínda que se tomen medidas eficaces para frear o cambio climático, hai cousas que sucederán de todas formas. Hai que pensar en tomar medidas, se non para impedir os danos que se van producir, polo menos para mitigalos dentro do que sexa posible.

-Ten previsto realizar máis investigacións desta clase?

-Si, sigo en contacto cos titores que dirixiron este proxecto e a miña idea é publicar máis adiante outro traballo sobre esta cuestión. Creo que é un asunto de moitísimo interese, en especial para a xente que traballa no meu terreo profesional. Está claro que nun futuro próximo a enxeñería civil terá que ter moi en conta as previsións sobre os efectos que pode ter a subida dos océanos nas áreas litorais.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Coa suba do mar poden desaparecer praias nas costas de Vigo e Baiona»