José Luis Naveiras: «O carro das vacas que serve de vitrina nas tendas de Bico de Xeado fíxeno eu»

ana f. cuba CABANAS / LA VOZ

BAIONA

CEDIDA

Aprendeu a fiar a la para poder facer as ferramentas que precisan as fiandeiras de Cabanas Rural

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa tarxeta de visita, feita de madeira, cabe todo, a artesanía, a ebanistería e a carpintería. «Vivir como artesán neste país... eu non son capaz», recoñece José Luis Naveiras Fraga (Cabanas, 57 anos). Á madeira chegou como segunda oportunidade. «Estudei electricidade e traballei en empresas dese sector, cheguei a dirixir algunha, pero cando vin o que podía pasar [coa crise], como sempre me gustara a madeira, empecei a formarme, e cando pasou o que se vía vir, a empresa parou e decidín meterme nun mercado totalmente distinto», explica. Cunha idea ben clara, ofrecer «sempre cousas diferentes ás que fan os demais». E conseguiuno, quizais pola «imaxinación desbordante» que lle atribúe Beatriz Carbón, do colectivo de mulleres Cabanas Rural.

A traxectoria deste artesán, que usa como marca comercial Do Acibreiro, polo lugar onde vive, vai ligada ás fiandeiras da asociación. Con elas aprendeu a fiar a la. «Empezaron a xuntarse e necesitaban ferramentas, primeiro un fuso, logo unha carda... Quedaban algunhas pezas nos rochos, pero moitas desapareceran», relata. «Se es un pouco inquieto, empezas a investigar e a coñecer o que hai no mundo, e descobres que o que aquí está en perigo de extinción, noutros países non. Unha vez que aprendes a técnica, os pesos e as medidas, tanto fas un fuso coma unha máquina [de cardar, de escarpizar ou un torno de fiar], e chegas a ver os fusos turcos ou rusos, coas súas peculiaridades».

Para as ferramentas do fiado emprega madeira de castaño, cerdeira ou nogueira, e algunhas foráneas, polas cores ou a dureza. «Se me dis que es zurda fágoche un fuso para ti, distinto». Non hai cartos que paguen este traballo, co selo de calidade Do Acibreiro, pero si unha idea de comunidade, «de implicarse e colaborar coa sociedade, coas mulleres que recuperaron este anaco da nosa cultura, para que perdure; son as nosas raíces e non deberían desaparecer. Antes tiñan que fiar para non morrer de frío e agora é unha afección». El aprendeu: «Un lutier non pode facer unha gaita sen sabela tocar».

Coas súas veciñas fiandeiras dálle vida ao patrimonio, con enxeño e creatividade, e con Bico do Xeado, a firma para a que leva xa un tempo traballando case en exclusiva, innova sen parar. «Facemos as tendas, toda a parte de madeira, a decoración, coordinados co arquitecto», indica. El é o autor do carro das vacas que serve de vitrina nos locais da marca galega de xeados, da cuberta das neveiras... «Os puntos de venta [repartidos por Galicia, Madrid ou Andalucía] son iguais, pero distintos; identifícanse moi ben, pero sempre ves algo que os diferenza, son sinxelos e elegantes», describe. Os de Ourense e Baiona xa obtiveron premios de deseño.

«Vivo nun sitio privilexiado»

«A min déixanme crear e demostrar que son capaz de facer cousas, e estou orgulloso [...]. Volver a empezar non é doado», recoñece. O momento profesional é bo. Para pouco, dándolles forma ás ideas -«a mente nunca está quieta»-, satisfeito de traballar cunha marca «que aposta polo produto do país, de calidade, nos xeados ou na decoración das tendas». A este creador inspírano a vida e O Acibreiro: «Vivo no monte, nun sitio privilexiado, dentro dun parque natural». De aí bebe o único artesán de Galicia que fai todo tipo de artigos de fiado de xeito artesanal, e coa marca rexistrada.

«As fiandeiras recuperaron a nosa cultura, as raíces, que non deberan desaparecer»

«Bico de Xeado aposta polo produto do país, de calidade, nos xeados e ao decorar as tendas»