«Hai que preocuparse por recuperar a tradición, o único disidente é o cura»

eva fernández VIGO / LA VOZ

AS NEVES

El alcalde As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, recorda que se trata dunha festa de interese turístico

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde do concello das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez (BNG), transmite a opinión maioritaria da veciñanza da zona, que desexa recuperar a procesión dos cadaleitos de Santa Marta. O rexedor recorda que esta é unha festa de interese turístico galego e constitúe un atractivo turístico. Contén crenzas, di, cunha «altísima importancia».

—Que lle pareceu a procesión de Santa Marta do venres?

—A miña opinión xa está máis que dita, gravada e comentada [o alcalde dixo a La Voz o xoves pasado que «é unha mágoa que non se manteña esta tradición, posto que se traballou durante moitos anos nese camiño». Cualificou como «un descoloque e unha falta de delicadeza por parte de quen toma esa decisión», a de suprimir a procesión dos cadaleitos]. Eu creo que agora, do que hai que preocuparse é de recuperar a tradición desta romaría, traballar todos para que iso ocorra, e non darlle moitas máis voltas. As valoracións sobre como foi ou como puido ser son obvias. Nós cremos que puido ser moito mellor, como foi outras veces. A parroquia tamén pensa o mesmo, o único disidente é o párroco. El foi o que moveu as normas e cambiou as regras de xogo. Aquí ninguén se moveu do seu sitio nin da súa fe. Todos estamos onde estabamos. Hai que empezar xa para que Santa Marta recupere o que merece.

—Os veciños transmitíronlle a súa opinión o día da procesión?

—Non atopei nin un só veciño de Santa Marta nin de arredor dicindo que o cura tiña razón. Entón, creo que iso non é unha casualidade.

—Quere comentar algo sobre as declaracións do párroco nas que sinala que vostede volveu á fe?

—Non quero comentar nada. O que tiña que dicir está dito. O que fixo, fíxoo el e xa está.