Saber falar galego puntúa no cásting da película «As Neves» que busca rapaces e rapazas en Foz

M.C. FOZ / LA VOZ

AS NEVES

Sonia Méndez, actriz, directora e produtora
Sonia Méndez, actriz, directora e produtora cedida

24 may 2022 . Actualizado a las 11:27 h.

Aínda que non é preciso ter experiencia previa en actuación, si é importante saber falar galego. É un dos requisitos que establece Cósmica Producións no lanzamento do cásting dunha película que se rodará proximamente. O anuncio foi divulgado en días pasados polo IES focense. Indican que desde a produtora contactaron co centro en busca de perfís de rapaces e de rapazas con idades entre os 16 e os 20 anos «para o reparto do próximo filme ‘As Neves’ dirixido por Sonia Méndez, que se rodará en Galicia o próximo inverno».

As persoas que desexen participar nesta experiencia deben enviar un correo electrónico a casting.asneves@gmail.com e aportar diferentes datos persoais, así como fotos, contactos de proxenitores ou de titores... Tamén aceptan vídeos breves de presentación nos que expliquen por que queren participar.

Desde o instituto focense avanzaron que «neste filme todas as personaxes protagonistas e secundarias son adolescentes».