Veloso goza da xornada de descanso co xersei amarelo ben enfundado

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A GUARDA

PODIUM / Paulo Maria (Cedida)

Arañoulles segundos á maioría dos seus perseguidores no final de Guarda

06 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Volta a Portugal 2019 vive hoxe a súa xornada de descanso. Co vilagarcián Gustavo César Veloso asentado á fronte da clasificación xeral, posto de honra que na véspera soubo amarrar nun final en Guarda que, fiel ao seu nome, obrigaba a quen defendía o xersei amarelo a non descoidarse o máis mínimo se non quería sufrir un castigo. E Veloso soubo estar á altura, atacando eses infernais 350 metros que precedían á liña de meta, convertidos nun curto, pero intenso muro para os integrantes do desgastado pelotón logo de 105 quilómetros de persecución sen éxito á fuxida do día. Só Joni Brandão, cuarto clasificado e, probablemente visto o trazado montañoso que resta por diante a partir de mañá, o seu máis perigoso rival, lle deu recurtado tempo, 2 contados segundos, ao vilagarcián, que foi quen de estirar lixeiramente o crono respecto á maioría dos aspirantes a defenestralo.

Os intentos de saltar do pelotón sucedéronse practicamente desde a mesma saída de Oliveira do Hospital. Ata que no quilómetros 52 oito unidades conseguiron soltarse da férrea marcaxe do grupo. Entre elas, o estradense do Sporting Tavira Álex Marque, que xa probara dúas veces antes, coa ansia de quen quere sacarse o mal sabor de boca de verse afastado da pelexa pola xeral por un pinchazo ao día anterior no inicio á ascensión a Torre, o único porto de categoría especial desta rolda lusa. Un percance precedido dun enorme esforzo para entrar de novo no grupo cabeceiro logo de caer por unha mala manobra doutro ciclista acabou co soño do galego.

Logo de chegar a dispoñer dunha máxima vantaxe de 5.35, Marque e João Matías (Feirense) aproveitaron o inicio da subida a Guarda, catalogado como alto de terceira categoría cun desnivel de 188 metros en 2,9 quilómetros, para atacar os supervivintes do seu grupo. Pero foi o italiano Marco Tizza (Prodir) o que remataría sobrepasando o estradense pouco antes do derradeiro quilómetro cando Marque ía só diante.

A 200 metros de meta Brandão probou a Veloso, quitándolle 2 segundos, pero servíndolle tamén ao vilagarcián para arañarlles 2 a João Rodrigues (W52) e a De Mateos (Louletano), 5 a Casimiro (Efapel), 7 a Pinto (W52), Montoya (Medellín) e Fernandes (Louletano), e 11 a Benta (Boavista).