O Asmubal blinda Coirón e soña de novo con poder pelexar por ir á fase (26-20)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A CAÑIZA

Martina Miser

Tras superar o Seaplast Cañiza con Cárol Ferreira e Vanesa Domínguez liderando o equipo desde a defensa, sitúase a 3 puntos do segundo posto

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño volveu facerse forte na casa, reaccionando á derrota da semana anterior en Valladolid cun triunfo 26-20 sobre o Seaplast Cañiza que o devolve á pelexa polo segundo e último posto con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso á División de Honra Ouro Feminina do balonmán español. Deste xeito o líder, un intratable Lanzarote, segue a ser o único conxunto visitante quen de ter saído do Pavillón Muincipal de Coirón coa vitoria na presente temporada, co Fuentes Carrionas sumando o outro punto foráneo cun empate.

O conxunto de Juan Costas fixo da defensa o seu argumento diferencial. Con dous nomes propios dignos de mención especial por parte do seu adestrador, os de Cárol Ferreira e Vanesa Domínguez cun incansable traballo de blocaxe do disparo da primeira liña da Cañiza desde o centro da 6-0 do Asmubal e cortando as liñas de pase á pivote visitante.

O labor de Ferreira e de Domínguez non rematou de ter recompensa ata que nos últimos dez minutos de xogo da primeira parte as paradas da porteira rival, Pamela Arca, que desquiciou as extremos locais, deixou de ser suficiente para evitar o control meañés do marcador. O traballo de preparación fronte a defensas abertas en 5-1, coas que un bo número de rivais presionan a circulación do balón do Asmubal incidindo sobre a súa central, Eli Méndez, deu os seus primeiros froitos, e así se chegou cun 15-9 ao descanso.

Na reanudación, de novo o labor de Pamela Arca empurrou ao Cañiza, que pasou de verse dobrado no marcador (17-9) a pensar en que a remontada era posible con media segunda parte por diante e as diferenzas rebaixadas a un estreito 17-15. Pero o Asmubal reaccionou cun tempo morto de Juan Costas para gañar 26-20 e, de paso, o diferencial particular coa Cañiza, situándose sexto a 3 puntos do segundo clasificado.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (26): Lorena Ligero, Andrea Cores (1), Sofía Arangio (3), Eli Méndez (6), Agustina Ballada (1), Sabela Miniño (7) e Cárol Ferreira (4) —septeto titular—; María Currás (1), Lucía Caneda, María Vera, Laura Miniño (2), Paula Rey (1) e Vanesa Domínguez.

 SEAPLAST CAÑIZA: Pamela Arca, Laura Morais (3), Sara Carril (2), Alba Afonso (7), Sara Román (1), Ángela Oliveira e Yaiza Alonso —septeto titular—; Alexia Penabella, Ana Rodríguez, Sofía Álvarez (1), Lucía Afonso (4), Olalla Penabella, Iria Pérez, Carolina González, Sabela Vázquez y Alejandra Carballo (2). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-1, 3-4, 6-6, 8-8, 12-9, 15-9 (ao descanso); 17-9, 17-12, 17-15, 20-17, 22-18 e 26-20.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Pablo Barreiro e Christian García. Castigaron con 2 minutos as locais Cárol Ferreira (min 8.39) e Sabela Miniño (min 37.11), e as visitantes Lucía Afonso (26.58), Sabela Vázquez (32.14), Alejandra Carballo (38.47), Ángela Oliveira (49.55), Alba Afonso (59.26) e por partida dobre (min 4 e 20.57) e descualificante (min 30), a Sara Carril.