«O teatro é revolucionario»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

A CAÑIZA

Dende Inversa, a actriz cañicense combina humor con reivindicación

23 mar 2015 . Actualizado a las 12:43 h.

A filosofía, o feminismo, o humor e a reivindicación social están presentes na vida de Marta Pérez, unha muller nada na Cañiza e residente en Vigo, que está facendo das súas aspiracións un xeito de vida. «Todo forma parte da personalidade de Marta; o que se ve no escenario é reflexo do que Marta fai fóra, e fóra está implicada politicamente», afirma a actriz gañadora do último Premio Maruxa Villanueva pola súa actuación en Té con Kant, produción de Inversa Teatro.

«Cheguei ao teatro cando Miro Magariños empezou a dar clases na Cañiza», sitúa os seus primeiros contactos. Despois apareceu Roberto Cordovani, quen a levou a fundar a compañía Arela das Artes. «Máis tarde marchei a Santiago onde compaxinei os estudios de Filosofía co teatro, e pouquiño a pouco chegou a profesionalización», lembra.

Profesionalización

A primeira compañía que fundou Marta Pérez foi Arela das Artes, un proxecto onde perfilábase o seguinte paso, Inversa Teatro, fundada no ano 2009. «Souben que acadara a profesionalización cando empecei a ter caché», di para referirse a unha conquista, que levou o seu traballo. «Hai dous anos paseino mal, foi unha seca absoluta, sempre indo a taquilla; estiven un pouco farta porque eu quería traballar con dignidade. Non sei que pasou, supoño que funciona o pensamento positivo, pero todo cambio dende entón, e hoxe en día, sorprendentemente, as cousas non me están indo nada mal», manifesta, aludindo a palabra dignidade profesional.

Marta Pérez di que na súa compañía inflúe o pensamento porque «os espectáculos sempre están vinculados coa filosofía dalgunha forma». Porque a actriz cañicense concibe a súa profesión dende o compromiso social. «Para min, o teatro debe ter un impacto social, creo que é revolucionario porque é un lugar especial dende onde estamos dicindo algo, por iso temos que estar comprometidos», engade.

Dende esa perspectiva, o feminismo brota no seu posicionamento ao considerar que «estamos nun sistema patriarcal». Pero Marta non quere dar unha imaxe seria e subliña a importancia que ten na súa obra o humor negro e ácido «para non tomarse demasiado en serio as cousas».

Apatía cidadana

Respecto a Vigo, Marta Pérez pensa que non hai moita implicación da xente nos problemas que están a acontecer. Fala de apatía social. «Hai moitas pequenas cousas, pero a xente non sae á rúa para queixarse polos problemas actuais», explica. Marta Pérez fala desta apatía dende o punto de vista político e como integrante da Marea de Vigo, un proxecto que cre necesario na actualidade.

«Así como te digo esto tamén digo que a min Vigo gústame moito», clarexa a actriz. «Gústame moito pasear polas súas rúas, véxolle un punto obreiro que a min me gusta», engade Marta Pérez.

Dende o punto de vista cultural, a fundadora de Inversa Teatro pensa que existe unha cousa moi importante na cidade, a Escola Superior de Arte Dramática. «Dela están saíndo moitas compañías e profesionais con moitas gañas de facer cousas; tamén hai outras cousas interesantes, como é o Festival Alternativo das Artes Escénicas».

Dende que nacera a compañía no ano 2009, Inversa Teatro produciu cinco obras, e recorreu toda Galicia, distintas cidades españolas e portuguesas, e atravesou o Atlántico para actuar en Brasil, Colombia, México, Estados Unidos e Venezuela.

Obras universais con proxección

Tanto Femina Sapiens como Té con Kant son dúas producións de Inversa Teatro que tiveron unha boa acollida en España e en diversos países de Latinoamérica. «Nos partimos do local pero tratamos temas universais que son entendibles en calquera parte do mundo», explica Marta Pérez. «Fémina Sapiens é perfectamente trasladable a unha familia de Nova York ou de Latinoamérica; e Té con Kant é máis obxectivo debido a que é un pensamento filosófico e, polo tanto, máis abstracto», conclúe la actriz, que segue percorrendo cidades coas súas maneira de ver o teatro.