A traballadora do sector cosmético, que estudou deseño de moda e pintou tecidos para Malvela, presenta «Oversize»
01 nov 2026 . Actualizado a las 11:25 h.Marta Boente (O Porriño, 1976) leva desde o 2006 traballando nunha coñecida perfumaría de Vigo. Entre a atención ao público, os horarios e as formacións laborais, foi deixando para máis adiante unha vontade que a acompañaba desde nena: escribir. En 2022, cando as súas fillas cumpriron dez anos, decidiu que xa non podía seguir adiándoo. «Ou o fago xa ou igual non chega a ser realidade nunca», pensou. Así comezou o camiño que a levou a publicar Oversize, a súa primeira novela, editada por Galaxia.
A súa protagonista tamén traballa de dependenta e viaxa a Madrid para asistir a unha formación da empresa. Non é unha elección casual. Boente coñece ben esas viaxes, ás veces con compañeiras e outras en solitario, nas que os desprazamentos pola cidade deixan espazo para pensar. «Como non ía eu falar dunha dependenta sendo eu o mesmo?», razoa. A novela naceu desas camiñadas e dos pensamentos que se van enlazando mentres, aparentemente, non pasa nada extraordinario. A autora do Porriño non chegou á literatura por un percorrido académico. Ao rematar o COU quería estudar Belas Artes, pero a nota non lle permitiu acceder e acabou matriculándose en Deseño de Moda e Patronaxe en Vigo. Traballou como deseñadora, foi axudante de vestiario na serie Libro de familia e deseñou e pintou á man dúas coleccións para o grupo Malvela. Según conta, interesáballe, sobre todo, intervir nos tecidos, pintar sobre eles e darlles un carácter propio. Finalmente, o sector cosmético ofreceulle unha estabilidade laboral que os traballos creativos non sempre lle garantían.
A escritura, con todo, seguía agardando. De pequena lía moito; na adolescencia escribira poemas, e tamén lle gustaba manter correspondencia por carta. Pero non foi ata que se puxo diante do ordenador, de maneira autodidacta, cando comprobou que aquela inquietude podía converterse nunha actividade constante. Oversize foi a primeira novela que rematou, escrita entre 2022 e 2023. Agora participa no obradoiro Vidas de ficción, dirixido por Xosé Monteagudo, para seguir aprendendo e atopar o seu estilo.
Na novela, o traxecto da protagonista cara á formación convértese nun percorrido pola súa propia vida. En primeira persoa, a muller vai enlazando experiencias familiares, decepcións e sucesos que a marcaron. Entre os feitos reais que atravesan a narración están o accidente do avión de Spanair, o descarrilamento do Alvia en Angrois e o afundimento do Vila de Pitanxo. Son traxedias de épocas distintas que, no libro, se cruzan coas vivencias máis íntimas.
A conexión co accidente de Spanair é especialmente persoal. Era o avión que Boente adoitaba coller en Peinador para viaxar a Madrid. Cando coñeceu a noticia do sinistro, aínda conservaba na carteira un resgardo da facturación dunha desas viaxes. «Sabía que era o meu avión», lembra. A antiga discoteca Alcalá 20 na que morreron 81 persoas nun tráxico incendio tamén formou parte da súa experiencia: a empresa levou as traballadoras a un evento formativo no local que agora alúgase para eventos. E o naufraxio do Vila de Pitanxo aconteceu mentres escribía a novela, no 2022. Na ficción, a protagonista perde alí o seu irmán.
A estas desgrazas súmase a morte do pai da autora, atropelado por un coche pouco despois de falar con ela. «De súpeto falas con el e a seguinte chamada é para comunicarche unha traxedia», conta. Esa irrupción do inesperado, o xeito no que un suceso pode romper a continuidade dunha vida, é unha das cuestións que percorren a novela.
O título remite á roupa, pero tamén á necesidade de atopar sitio para todo o que nos sucede. Os tecidos e o corpo son elementos centrais nunha historia na que a nai da protagonista tece e as prendas gardan historias propias. «Coas noticias e coa vida funcionamos un pouco como un tecido, encollemos, temos que adaptarnos», explica a autora novel. «Que temos unhas tallas máis para poder caber en todo iso». A metáfora esténdese ás liñas que atravesan o libro. O Porriño, onde vive Marta, está marcado pola vía do tren, a autovía e o río Louro. Na novela aparecen tamén os trazos que deixan os avións no ceo ou os barcos no mar. Son liñas que cortan, separan e interrompen, como fan os accidentes e as perdas. Boente quixo que eses elementos, máis ou menos visibles para quen le, formasen parte da construción da obra. Despois de anos nos que escribir parecía unha tarefa imposible de encaixar entre o traballo e a vida familiar, Marta Boente atopou o momento de empezar. E, unha vez que o fixo, xa non deixou de escribir. Oversize é o primeiro libro publicado sen abandonar o seu emprego pero dando tamén saída a esa outra faceta creativa que levaba tempo esperando. Entre as distintas tarefas do día a día, lle gustan especialmente as montaxes, colocar produtos, organizar os stocks e buscar a maneira de que todo funcione mellor. «Realmente, se hai algo que me sinto, é dependenta, o de deseñadora francamente non», recoñece a agora tamén novelista.