O Museo do Pobo Galego adquire o primeiro videoxogo de Galicia

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez CANGAS / LA VOZ

VIGO

The Wall formará parte da colección do Museo do Pobo Galego.
The Wall formará parte da colección do Museo do Pobo Galego. Muvi

O Muvi de Cangas cede The Wall, creado polo programador ourensán Álex González e comercializado en 1986, á institución

19 jun 2026 . Actualizado a las 16:21 h.

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) con sede en Cangas é un gran museo sobre a historia deste sector en Galicia. É unha galería a un pasado non tan lonxano, pero que marcou a infancia de xeracións e xeracións. Teñen a colección máis grande da comunidade e gardan varias tesouros, entre eles, The Wall, creado polo programador ourensán Álex González, comercializado en 1986 e considerado como o primeiro videoxogo galego coñecido. Agora, esta obra, que estivo agochada ata hai pouco, convertérase tamén no primeira representación do xénero no Museo do Pobo Galego, que acaba de formalizar unha colaboración co MUVI «que permitirá incorporar de maneira estable o videoxogo galego aos fondos, espazos expositivos e proxectos de divulgación do Museo, abrindo unha nova etapa para o seu recoñecemento como parte do patrimonio cultural contemporáneo de Galicia», explican. 

O videoxogo The Wall
O videoxogo The Wall Muvi

O inicio deste camiño común materialízase coa doazón de The Wall aos fondos do Museo do Pobo Galego por parte do MUVI. «A iniciativa supón ademais un recoñecemento ao labor desenvolvido polo MUVI desde a súa creación en 2019, a prol do recoñecemento do videoxogo como parte do patrimonio cultural galego, lonxe das interpretacións estritamente lúdicas do medio, e situándoo dentro dos procesos de preservación, documentación e estudo patrimonial, en diálogo co resto das expresións que conforman a memoria cultural do país», destacan dende o museo con sede en Cangas. O acordo é, en palabras de Galo e Jacobo Martínez, cofundadores da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, un dos momentos máis importantes da historia da entidade: «Levamos dende o ano 2019 traballando para que o videoxogo sexa entendido en Galicia como parte da nosa cultura contemporánea e tamén da nosa memoria colectiva. Este acordo representa a demostración de que merece ser preservado, estudado e compartido igual que calquera outra expresión cultural».

Portada de The Wall
Portada de The Wall Muvi

A peza será presentada en formato interactivo, seguindo os criterios de conservación e divulgación desenvolvidos polo MUVI, e constituirá o punto de partida para o desenvolvemento dunha futura proposta expositiva arredor do Videoxogo Galego. Esta iniciativa está chamada a integrarse nas novas salas de historia contemporánea do Museo do Pobo Galego, actualmente en desenvolvemento.

The Wall chegou ao Muvi no 2024, cando Álex González visitou o museo para saber se estaba o seu videoxogo. Non esperaba contar co recoñecemento. Dicía nunha entrevista ao museo, que xa sairía moi feliz se The Wall formara parte da colección. Logo, Galo e Jacobo Martínez comezaron a investigar e coa documentación que gardaba o ourensán certificaron que, efectivimente, era a primera peza galega do sector. Deseñouno por diversión e tivo relativo éxito, xa que chegou a vender máis de 7.000 copias nunha época na que comercializar videoxogos no país era complicado.

O videoxogo de Álex González é de plataformas e moi colorido. Estaba protagonizado por unha especie de alieníxena de cor negra que ten superar unha serie de obstáculos para chegar a súa meta. Vai por un camiño fixo e saltan os distintos retos que aparecen no camiño.