O violinista de «Titanic», Alasdair Fraser, estrela do Fiddle Fest San Simón

B.R.S. VIGO / LA VOZ

VIGO

El violinista escocés Alasdair Fraser.
El violinista escocés Alasdair Fraser. Encordass Fiddle Fest

O festival internacional dedicado a instrumentos tradicionais de corda se celebrará na illa de Redondela entre o 2 e o 5 de xullo

16 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O violinista escocés Alasdair Fraser encabezará o cartel do Encordass Fiddle Fest 2026, o festival internacional dedicado ao violín e aos instrumentos tradicionais de corda que se celebrará na Illa de San Simón entre o 2 e o 5 de xullo. A edición deste ano estará centrada na música tradicional escocesa, unha das grandes influencias do folk galego contemporáneo, especialmente desde o rexurdimento da música tradicional en Galicia nos anos oitenta. O festival reforzará así os vínculos musicais atlánticos entre Galicia e Escocia a través de concertos, actividades divulgativas e propostas formativas. Fraser, considerado unha das figuras máis relevantes da tradición folk escocesa, conta cunha traxectoria internacional de máis de tres décadas. Foi dúas veces gañador do Scottish National Fiddle Championship e participou en bandas sonoras tan coñecidas como a de Titanic. Ademais, colaborou con formacións e artistas de referencia como The Chieftains ou The Waterboys. En San Simón actuará acompañado dos seus fillos, Galen e Cameron Fraser, nun concerto que marcará o inicio dunha nova etapa artística tras o remate do histórico dúo que mantivo durante 26 anos coa violonchelista Natalie Haas. Fraser inspirou no seu día o proxecto San Simón Fiddle Camp, semente do actual.