35 artistas ilustran en Vigo outros tantos poemas da escritora santiaguesa
10 may 2026 . Actualizado a las 22:25 h.«Rosalía está viva, ese é o tema», exclamou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, para centrar o motivo da exposición Rosalía ilustrada, que se pode visitar na sede viguesa da Deputación ata o 15 de xuño. O proxecto, apoiado polo Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura e a propia Deputación de Pontevedra, pon en diálogo a trinta e cinco ilustradores galegos con outros tantos poemas da poeta nacional. Angueira lembrou que este proxecto comezou no ano 2004 coa dirección de Ana Blanco e o comisariado de Fausto Isorna. «A aqueles primeiros autores engadímoslle agora a outros dez creadores contemporáneos, dando lugar a unha xuntanza de tendencias, técnicas e visións moi distintas», sinalou o escritor e investigador vigués, que recordou que a exposición pódese ver a escasos metros de onde saíu do prelo Cantares Gallegos.
Os autores e autoras participantes son Carlos Arrojo, O Bichero (Luís Davila), Manel Cráneo, Elga Fernández Lamas, Bea Gregores, Leandro Lamas, Bea Lema, Iria Ribadomar, Álvaro de la Vega, Andrea de Toba, Fran Bueno, Pepe Carreiro, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Fausto, Federico Fernández Alonso, Norberto Fernández, Jacobo Fernández, Ánxeles Ferrer, Raquel González, Nacho Hortas, Fernando Iglesias, Fran Jaraba, Xan López Domínguez, Fino Lorenzo, Primitivo Marcos, Xaquín Marín, Andrés Meixide, Pablo Otero Peixe, Miguelanxo Prado, María Fe Quesada, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Manuel Uhía e Óscar Villán.
Todos estes creadores e creadoras aportan obras orixinais e, segundo dixo Anxo Angueira, cederon os seus dereitos para desenvolver esta exposición itinerante. A seguinte parada será a sede da Deputación de Pontevedra na capital provincial.
A casa común dos galegos
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, subliñou que Rosalía de Castro «é a casa común de todos os galegos e galegas» e aventurou que pode ser a figura que mostre lugares de entendemento para construír unha Galicia mellor. O representante do Goberno galego salientou que o impacto de Rosalía de Castro «hai tempo que traspasou os límites da literatura para converterse en inspiración en case todas as disciplinas artísticas».
A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez chamou a atención sobre o enfoque da exposición, que «ofrece un diálogo entre a palabra e a imaxe, entre a tradición e a creación contemporánea», e subliñou a vixencia da autora homenaxeada: «A figura de Rosalía de Castro é unha fonte inesgotable de inspiración, que segue a ser un referente a día de hoxe».
Finalmente, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, afirmou que os artistas eran moi arriscados porque «non é nada fácil interpretar a Rosalía de Castro». A apreciación do presidente do Parlamento foi rebatida pola artista Iria Ribadomar, que non só manifestou o contrario, senón que tamén reclamou a intervención no acto dos artistas presentes. Xunto a ela estiveron na presentación as ilustradoras Bea Gregores e Ánxeles Ferrer, e o listrador Federico Fernández.
A exposición inaugurada onte poderá visitarse na sede provincial, situada no Casco Vello de Vigo, na rúa de Chao, ata o vindeiro 12 de xuño en horario ininterrompido de 09.00 a 20.30 horas.