O Concello homenaxeou este venres ao escritor que naceu na parroquia de Tebra
26 abr 2026 . Actualizado a las 02:44 h.Os versos de Xosé Luís Franco Grande sempre serán de Tomiño. Son fillos dunha terra que o viu nacer no 1936. Era de Tebra, a parroquia na que ese neno dun mestre rural deu os seus primeiros pasos e, tamén, as súas primeiras letras. O escritor, unha das grandes mentes que cultivou o pensamento e a literatura galega na súa historia, era un home que creaba mundos, defendía e loitaba no que vivía e que sempre tivo a Tomiño no corazón. Era fillo predilecto do concello e este venres, seis anos despois do seu pasamento, o municipio do Baixo Miño celebrou o Día do Libro ao son dos versos do seu Franco Grande nunha sentida homenaxe na que participaron as súas fillas, Rosalía e Navia Franco Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, a escritora Marta Dacosta, o director da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e Teresa Seara, a editora do libro Un intre no tempo (Galaxia), que compila a poesía do escritor.
«Non hai nada mellor para celebrar o Día do Libro en Tomiño que festexar a Franco Grande», dicía cun sorriso Soutullo na homenaxe, que ademais de evocar a faceta do escritor, xurista, intelectual galeguista e poeta, lembrou aquel neno de Tebra que naceu no ano no que estoupou a Guerra Civil que trouxo a ditadura e invisibilizou a cultura galega. «Franco Grande viu a luz en Santiago de Compostela», engadía Monteagudo. Falaba de como escritor atopou a alta cultura galega, a súa, en Santiago de Compostela e de como Franco Grande se converteu, parafraseando a Curros Enríquez, «nun home que levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar». Monteagudo tamén lembrou que o primeiro dicionario galego-castelán, que creou Franco Grande e do que se venderon máis de 100.000 exemplares, foi para el e para tantas outras xeracións unha porta aberta á lingua que recuperaba a liberdade.
O acto de Tomiño estivo cinguido de versos que debuxaban unha Tebra que moitos, na sala, imaxinaban nas súas festas, no seu verde, na súa terra. «Tebra era a súa raíz e a súa patria», lembra Seara. «A festa bole e enche todo. Fóra, no meu adro, alguén remove versos que son meus», cita Soutullo. Cada un dos versos dos que escribía Franco Grande nese poema eran nomes do seu Tebra, dos lugares que, cos seus veciños, tamén agromaron «a luz» que debuxou con palabras o escritor na cultura galega. A parroquia de Tomiño, lembrou Seara, tamén foi o centro daquel estudo que analizaba A Festa das Sete Vacas de Tebra. A alcaldesa, Sandra González, engadiu que o agarimo do escritor pola parroquia tamén foi correspondido por uns veciños que o tiñan en gran estima.
«É moi fermoso presentar esta poesía reunida na terra onde naceu o meu pai e da que nunca se foi. O voso fillo predilecto nunca abandonou Tomiño», lembrou este venres Navia, a súa filla. A súa familia ten na memoria unha imaxe clara de Franco Grande paseando cunha vara buscando trevos de catro follas en Tomiño. «Neses versos vexo ao home adulto que buscaba na aldea fuxir do asfalto», continuaba Navia, que pechou a súa intervención recitando un texto co que Franco Grande agradecía a Tebra todo o que lle deu. «Para toda a familia é un orgullo o libro que presentamos. É unha alegría que se faga na súa terra, á que tanto quixo», continuou a súa outra filla, Rosalía, que espera que Un intre no tempo faga que Franco Grande siga vivo a través da súa poesía.
As palabras de Rosalía foron o peche dun acto no que, unha vez máis, e non a última, os versos de Franco Grande resoaron no seu Tomiño e nese Val do Tebra que tanto quería.