Tomiño homenaxea a Xosé Luís Franco Grande

VIGO

Xosé Luís Franco Grande, nunha foto de arquivo, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González
Xosé Luís Franco Grande, nunha foto de arquivo, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González

O acto, que se desenvolverá o venres, xirará en torno ao libro «Un intre no tempo»

23 abr 2026 . Actualizado a las 01:37 h.

Co gallo da celebración do Día do Libro, o Concello de Tomiño rende homenaxe a un dos seus fillos máis ilustres, o intelectual galeguista Xosé Luís Franco Grande (Tebra, 1936 - Vigo, 2020). O venres, ás 20:00 horas no Espazo Isaura Gómez, presentarase o libro Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), unha viaxe polos catro poemarios do intelectual, declarado fillo predilecto da súa terra en 2012.

Segundo indican dende o Concello de Tomiño, o encontro quere lembrar a figura do autor e, ademais, reivindicar o seu legado esencial na historia cultural e lingüística de Galicia. Lembran que Franco Grande foi moito máis ca un escritor: foi poeta, avogado, membro de número da Real Academia Galega e autor do primeiro dicionario galego-castelán moderno, unha obra fundamental que abriu camiño para que xeracións enteiras puidesen aprender e vivir en lingua galega.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo destacar a importancia de render esta homenaxe a Franco Grande, quen «escribiu moito máis que libros: debuxou camiños para todo un pobo e axudounos a entender quen somos e de onde vimos». A rexedora convidou a toda a veciñanza a participar neste emotivo acto, «un encontro para sentir, para deixar que as súas palabras nos atravesen e nos acompañen. Porque cando celebramos a figuras como Franco Grande, non só honramos a súa memoria, senón que mantemos viva a súa voz no presente».

O libro Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017) é un volume publicado por Galaxia que reúne os catro poemarios que o académico de número publicou en vida, nunha edición preparada pola filóloga Teresa Seara.