Morre Severino Novas, o rondalleiro e «peixeiro-gaiteiro» do festival de Cans

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez O PORRIÑO/ LA VOZ

VIGO

Severino Novas nunha actuación de rondallas na estación marítima de Vigo no ano 2022
Severino Novas nunha actuación de rondallas na estación marítima de Vigo no ano 2022 XOAN CARLOS GIL

Era moi querido no Porriño, onde dirixía a rondalla de Santa María, e en Cangas, concello do que foi concelleiro de Deportes

22 feb 2026 . Actualizado a las 01:26 h.

CangasO Porriño despiden este venres a Severino Novas (Cangas, 1973), un veciño que coa súa música, as súas ganas de traballar e a súa boa man na cociña deixou unha fonda pegada en moitas persoas. «A morte dun gaiteiro produce silencio. Cando morre un gaiteiro e se apaga unha gaita, Galicia perde un anaco da súa alegría. Deixounos Seve, o peixeiro-gaiteiro do Morrazo, que un día veu botar raíces a O Porriño», conta o director do festival de Cans, Alfonso Pato. El era de Cangas, pero na Louriña seguiu debuxando a súa vida coa música. 

Novas era unha institución no mundo rondalleiro, a súa imaxe foi portada de La Voz de Galicia en 2022 durante unha actuación na estación marítima de Vigo. Foi director da rondalla de Vincios e da de Santa María do Porriño, que este venres tamén se despide del: «Día triste para todos os compoñentes. Hoxe o capitán deste barco deixounos e con el queda un baleiro en todos nós. Alá onde esteas a túa música perdurará en nós. Somos unha familia. Somos un equipo». Este venres moitas outras rondallas tamén aproveitaron para despedirse de Seve. 

«Sempre sacaba enerxía e un sorriso para tocar e animar a todos os que estaban ao seu redor. Imos botalo moito en falta», di Paula, a súa amiga e compañeira na directiva da rondalla Santa María. Ela tiña o talento, enerxía, forza e humanidade de Seve coma exemplo. A vida do rondalleiro é unha partitura que se comezou a compoñer en Cangas. «Xa de moi novo tivo que traballar para un hotel no paseo do municipio», continúa a súa amiga, que describe ao rondalleiro coma un home que «sempre lle botou peito a todo». 

A música foi un dos grandes amores de Seve. Comezou formándose en música clásica, pero a vida levouno á gaita, á música tradicional e a un dos seu grandes amores: as rondallas. Era unha das figuras máis coñecidas deste fenómeno cultural do sur de Galicia. Foi director da rondalla de Vincios varios anos, pero el tiña a ilusión de montar unha propia no centro do Porriño, onde traballaba cada día na súa peixaría. Custou, pero a rondalla de Santa María tocou as súas primeiras notas en 2024. Era a súa paixón e, aínda que loitaba contra un cancro, «nunca quixo deixar atrás un concerto ou que a rondalla faltara a algunha cita. Quería alegrar aos veciños percorrendo todos os barrios».

«Seve nunca paraba. Era un home que facía varias cousas a vez e nin a enfermidade podía facer que quedara quieto», continúa Paula, que explica que «a súa oncóloga dicía que non coñecía a un paciente coma el. Sorprendía a súa capacidade de tirar para adiante malia todo». 

Desde as primeiras edicións do evento do festival de Cangas estaba aí para todo. Facía paellas e cociñaba para os convidados, logo servía navallas no seu mítico posto no Cans Voulevas e, recentemente, ofrecía os seus manxares na Leira do Río. Ademais, como lembran no festival, a súa cociña sempre se marinaba coa música da súa gaita. 

Seve «facía o xoves o pasarrúas cos chimpíns no Porriño cos Zoqueiros e o sábado coa banda de gaitas de San Xurxo de Mosende, despois de atender pola mañá o seu posto de peixe na praza», continúan. «Ao longo de moitos anos, Seve fíxonos paellas para todos en Cans, tróuxonos navallas e facía foliadas ao mesmo tempo. Seve era unha parte da paisaxe humana do Festival de Cans, e tamén da aldea, a onde lle traía peixe a moita xente ao longo do ano», engade Alfonso Pato. 

Severino Novas Valladares duranta una edición del Festival de Cans
Severino Novas Valladares duranta una edición del Festival de Cans

O rondalleiro tamén foi unha persoa de relevancia na política de Cangas dos anos 90 e principios dos 2000. O 22 de decembro de 1996 substituíu a Lao Sotelo como concelleiro do BNG e foi o edil encargado da área de Deportes. Alí estivo varios anos, onde tamén se converteu nunha figura moi querida no municipio de O Morrazo. 

A despedida de Seve será no tanatorio Louriña Memoria hoxe pola tarde e mañá. As 17.30 horas será o funeral na igrexa de Santa María e logo as rondallas de O Porriño despedirán ao seu rondalleiro no cemiterio municipal.