Unha compañía lusa estrea en Vigo a adaptación da novela «O Amor das Pedras» de Pedro Rodríguez Villar
01 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Amor das Pedras foi o libro co que o nigranés Pedro Rodríguez Villar gañou o premio Nortear de literatura, un certame no que participan escritores galegos e portugueses. A obra fala dunha muller que, cando é asasinada por uns homes, convértese nunha pedra dun faro. Alí, consciente, vive tormentas ata que o amor a libera. Onte, en Vigo, ese libro foi unha danza. A compañía portuguesa Ballet do Douro presentou na cidade a adaptación coreográfica do libro ante unha sala Ártika que estaba completa.
O ballet, creado por Silvia Boga, fixo que as palabras do libro cobraran vida sobre un escenario que se converteu no faro de Monteferro, onde se inspira a historia, ou no de calquera muncipio de Portugal. No fondo do escenario había imaxes dunha vila mariñeira lusa, unha mostra máis de que as historias se poden danzar en diferentes plataformas e soportes sen fronteiras. A adaptación da obra de Pedro Rodríguez Villar nace ao abeiro do CCDR Norte e o programa transfronteirizo Nortear.
O espectáculo de ballet rematou cun público en pé que, aínda que nunca lera o libro, sentía o que se buscaba cando se escribiu. Silvia Boga conseguiu trasladar nas súas coreografías un universo poético «no que os corpos se deixan levar pola forza motriz dos soños e pola enerxía telúrica das pedras, convertendo o espazo escénico nun territorio onde o amor e a natureza dialogan máis aló das palabras». Ao evento acudiu o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e desde a AECT da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal lembraron que o premio Nortear xa abriu inscricións. Poden presentarse mozos escritores galegos e portugueses ata o vindeiro mes de xuño.