Galaxia mostra no Marco a evolución das portadas dos seus libros

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

A exposición estará no Marco de Vigo ata o 17 de maio
A exposición estará no Marco de Vigo ata o 17 de maio XOAN CARLOS GIL

A exposición recolle os traballos dos deseñadores Xohán Ledo, Francisco Mantecón, Manuel Janeiro e Hayat Husein

10 may 2026 . Actualizado a las 22:28 h.

Editorial Galaxia remata o programa de celebración do seu 75 aniversario coa exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, que se pode ver ata o 17 de maio no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). «Cando deseñamos o programa de celebración do aniversario, pareceunos moi adecuado visualizar nunha exposición as capas dos libros editados por Galaxia para mostrar a evolución da editorial, tanto cualitativa como cuantitativamente», afirmou Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia, durante a presentación do proxecto expositivo.

O encargado de formalizar o discurso foi Xurxo Martínez, quen aludiu ao feito simbólico de que hoxe, primeiro día de portas abertas da exposición, se celebra tanto o día de Castelao como o da Ilustración. «As cubertas son os rostros dos libros», sinalou o filólogo e historiador, comisario da mostra, que contou co apoio da deseñadora Hayat Husein para ordenar visualmente o seu discurso.

A base principal da exposición xira en torno aos catro deseñadores de cubertas que tivo Galaxia dende a súa fundación en 1950. Xohán Ledo, segundo explicou o comisario, simboliza o labor artesanal dos primeiros libros, mentres que Francisco Mantecón e Manuel Janeiro —que traballaron xuntos durante un tempo— asumiron a renovación da ilustración bibliográfica. Desde hai xa uns anos, é Hayat Husein a que asumiu a actualización das composicións das capas dos libros.

A escolma presente no Marco non esquece a achega de Xaime Isla Couto a estas tarefas. O avogado foi responsable da imaxe corporativa de Galaxia, da Fundación Penzol, da Revista Galega de Economía e da revista Grial. Ten o seu apartado propio na exposición, na que tamén hai varios cadros de artistas relevantes na historia de Galicia que tiveron relación co deseño de algunhas coleccións da editorial. Especialmente chamativa é a presenza de dúas creacións de Lugrís, pertencentes a coleccións privadas e, polo tanto, pouco expostas para o gran público.

Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia complétase cun apartado dedicado á literatura infantil, eido editorial que estreou Galaxia na segunda metade dos anos sesenta coa colección A Galea de Ouro.

O Marco desenvolverá un programa de actividades complementarias dirixidas a todos os públicos.